Este luns 12 de marzo comezaba a xornada de portas abertas no Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE de Pontevedra. Organízase con motivo do seu 75 aniversario e poderase acudir ata este venres 16. Espera a visita de máis de 500 alumnos e profesores de diferentes centros educativos de Primaria, ESO e Formación Profesional.
Durante esta semana mostraranse os materiais técnicos e didácticos que dispón o CRE. Os visitantes poderán coñecer, entre outras cousas, como se realizan os mapas en relevo e como se adaptan os libros. Daránselles nocións básicas de lectura e escritura braille a través dun taller con 15 máquinas Perkins.
Para que os asistentes experimenten o día a día dunha persoa con discapacidade visual, realizarase un taller de técnica guía. Nel ensinarase orientación, mobilidade e habilidades diarias, utilizando lentes de simulación e antefaces.
As actividades terán unha duración de 30 minutos e realizaranse en grupos reducidos en quendas de mañá e tarde, dada a gran acollida que tiveron noutras ocasións. Antes de comezar os diferentes talleres o director do centro, José Ángel Abraldes, recibirá os visitantes no salón de actos.