Selo pontevedrés para o parque de Angrois en lembranza do accidente do Alvia

Pontevedra
27 de xullo 2016

 A Escola de Canteiros de Poio achegou un conxunto de pezas traballadas en granito que xa están instaladas: un muro de apoio e contención; unha fonte integrada no muro con pila en forma de vieira; seis bancos; dúas mesas; e 20 metros cadrados de pavimento de cantería. Houbo un atraso inicial que xa está solucionado

Zona de descanso para peregrinos e parque público creados en Angrois en lembranza da actuación veciñal no accidente ferroviario do 24 de xullo de 2013 PontevedraViva

O accidente ferroviario do 24 de xullo de 2013 deixou un recordo imborrable no barrio compostelano de Angrois. Os veciños que aquela noite saíron das súas casas para axudar no rescate de feridos e falecidos no descarrilamento do tren Alvia que facía o percorrido Madrid-Ferrol non poderán esquecer nunca aquela noite, como tampouco as vítimas e familiares dos 81 falecidos e máis de 140 feridos. Pero non está de máis preservar a lembranza para sempre e con este fin naceu o proxecto para crear unha zona de descanso para peregrinos, un parque público e un parque infantil na zona, no que o selo pontevedrés é inborrable.

A zona de lecer creouse nos terreos nos que aquela fatídica tarde-noite de hai tres anos se ubicou o hospital de campaña, xusto ao pé da vía do tren na curva da Grandeira, ao outro lado da vía do lugar no que quedaron tirados os vagóns. Este domingo 24 de xullo, no terceiro aniversario da traxedia, todo estaba xa rematado na parcela que no seu día cedeu o Adif, pero aínda non se inaugurou.

O selo pontevedrés pono a Escola de Canteiros de Poio, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra, que elaborou un conxunto de pezas traballadas en granito: un muro de apoio e contención; unha fonte integrada no muro, de 1,5 metros de altura con pila en forma de vieira; seis bancos –dous deles integrados no propio muro-; dúas mesas de 80 centímetros de altura; e 20 metros cadrados de pavimento de cantería para a elaboración dun pequeno camiño.

Todo o mobiliario rematouse xa hai uns meses e, segundo confirmou a Deputación a PontevedraViva, a empresa responsable dos traballos recolleunos o pasado 20 de abril. Logo da entrega dese material, pódese dar por cerrado un atranco administrativo que xurdira co atraso das obras da zona de lecer. A actuación asúmea o Concello de Santiago e, para poder facela, asinou convenios co Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (Adif) e coa Deputación Provincial. Este último tiña de vixencia o ano 2014, pero as pezas de mobiliario non se entregaron en prazo, de modo que o documento caducou. Pese a todo, na actualidade está todo arranxado. 

Fontes oficiais do Concello de Santiago indicaron a PontevedraViva que o pasado 17 de xuño a Xunta de Goberno da capital de Galicia aprobou a recepción inicial desas obras, despois de que se solucionara esta dotación de mobiliario da Escola de Canteiros de Poio. O antigo goberno da Deputación Provincial non entregou en prazo as pezas de pedra, o que obrigou a paralizar os traballos á espera de recibir o mobiliario, e tamén a modificar o convenio. Agora todo se solventou e tan só está pendente de que se fixe a data de inauguración. 

Esta zona de lecer está pensada como "homenaxe permanente aos veciños de Angrois" e "en lembranza da súa actuación no accidente ferroviario do 24 de xullo".  O proxecto tivo un orzamento de 99.877 euros e inicialmente tiña un período de execución de 3 meses, pero finalmente prolongouse preto de dous anos.