Seis socorristas vixiarán este verán as praias de Cabeceira e Xiorto

Poio
22 de maio 2023

Como é habitual, dúas praias de Poio contarán con servizo de salvamento e socorrismo durante o verán. Serás as de Cabeceira e Xiorto, en Lourido e Raxó respectivamente. Para vixialas, o Concello contratará un total de seis socorristas durante tres meses

Praia de Cabeceira
Praia de Cabeceira Concello de Poio

Como é habitual, dúas praias de Poio contarán con servizo de salvamento e socorrismo durante o verán. Serás as de Cabeceira e Xiorto, en Lourido e Raxó respectivamente. Para vixialas, o Concello contratará un total de seis socorristas durante tres meses.

A previsión é que o servizo entre en vigor a principios do mes de xullo, tanto en Cabeceira, praia que un ano máis contará con bandeira azul, como en Xiorto, un dos areais máis concorridos por bañistas no municipio.

A contratación dos socorristas estará aberta a persoas que estean en situación de desemprego, que estean incluídos no Servizo Público de Emprego como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego cando finalice o prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes tramitaranse por vía telemática, na propia sede electrónica do Concello. No caso de optar polo modo presencial, requirirase cita previa no rexistro xeral.

Os aspirantes preseleccionados a través do SEPE deberán presentar a documentación esixida: DNI, fotocopia da tarxeta de demandante de emprego, carné de conducir B, título de socorrista acuático e a acreditación do rexistro de socorristas acuáticos de Galicia.

Unha vez expirado o prazo, procederase coas probas selectivas, mediante o sistema de concurso en quenda libre e cunha fase de concurso para valorar os méritos achegados polos aspirantes. 

Durante o verán de 2022, os socorristas atenderon preto de 700 incidencias, sumando as intervencións levadas a cabo en Cabeceira e Xiorto.