Seis novas zonas de Marín súmanse aos espazos de aparcamento regulado

Marín
17 de outubro 2022

Os espazos de aparcamento regulado por tempo, coñecidos como Zona 2H, amplíanse en Marín. Seis novas áreas urbanas incorpóranse a este sistema, impulsado polo Concello para garantir que exista rotación nos vehículos e sexa máis doado aparcar nas principais rúas da vila

Zona 2H de aparcamento en Marín

Os espazos de aparcamento regulado por tempo, coñecidos como Zona 2H, amplíanse en Marín. Seis novas áreas urbanas incorpóranse a este sistema, impulsado polo Concello para garantir que exista rotación nos vehículos e sexa máis doado aparcar nas principais rúas da vila.

Os traballos para o pintado e sinalización das rúas que se incorporan á regulación xa están rematados e, desde este luns, a Policía Local procederá ao control do estacionamento nestas zonas para garantir o seu bo funcionamento.

En total, serán 84 as prazas de aparcamento que se suman á oferta existente.

Na Rúa Exército e Marina, próxima á Praza de Abastos, ocuparanse as vinte prazas de estacionamento existentes na súa marxe esquerda, desde a entrada principal ata a súa bifurcación coa Praza de España.

No ámbito do centro de saúde, na Rúa Mestre Landín Pazos, regularase o aparcadoiro público do INVIED e a beirarrúa pegada ao edificio, exceptuando as prazas destinadas á ambulancia e a de persoas con mobilidade reducida. Serán outras quince prazas.

Doce prazas están na Rúa Méndez Núñez, entre o carga e descarga detrás do Concello e o carga e descarga que hai detrás da biblioteca pública; e en Jaime Janer, desde o cruzamento coa Travesía Jaime Janer ata o cruce coa rúa Busto de Abaixo, ocuparanse outras once prazas.

Na Rúa da Ponte será todo o tramo, unindo coas prazas xa existentes como Zona 2H, o que permitirá sumar vinte prazas e, por último, na Avenida de Ourense habilitaranse seis prazas desde o cruzamento da Rúa Carballino ata o a rúa do Tombo.