Seis novas empresas da cidade contratan a usuarios de Down Xuntos

Pontevedra
08 de decembro 2016

Os participantes no programa de Emprego con Apoio reciben unha formación e unha preparación laboral que lles permite desempeñar con solvencia as súas tarefas nun posto de traballo

Xiana traballadora de Ucalsa

Dende o pasado mes de outubro, novas empresas de referencia na cidade de Pontevedra se suman a aquelas outras que ó longo do ano contrataron a traballadores do Servizo de Emprego con Apoio de Down Pontevedra.

Unha destas compañías é Arume, presente nos comedores escolares dos centros de educación infantil de primaria, onde despois dunha formación teórico-práctica procederon á contratación dun traballador do Programa ECA (Emprego con Apoio) para o posto de monitor de comedor escolar.

Así, dende inicios de outubro, Víctor traballa cos máis pequenos no CEIP Barcelos, levando a cabo as funcións que lle corresponden no seu traballo de xeito satisfactorio. Nesta mesma liña, outro mozo rematou este mes de novembro as súas practicas de monitor de comedor escolar coa mesma empresa, neste caso no CEIP Manuel vidal Portela, cunha valoración final moi positiva.

Por outra banda, dende o pasado 17 de outubro e despois dun período de prácticas, o Coworking Espacio Arroelo non dubidou á hora de contratar a Cecilia. As súas principais tarefas son a atención ó cliente e o mantemento do espazo. Na opinión de África, xerente do Coworking Espacio Arroelo “A incorporación de Cecilia a Espacio Arroelo fixo que desde un coworking comecemos a construír o mundo que nos gusta”, comentou.

No pasado mes de novembro e tamén despois dun período de prácticas, Diego e Cecilia convertéronse nos novos repartidores da publicidade da empresa Dolce Vita de Pontevedra. Desempeñan o seu traballo con moita profesionalidade e entusiasmo, percorrendo as rúas e facendo chegar ós fogares pontevedreses a publicidade da compañía.

Xunto a elas, e tamén neste mes, Serviocio (Piscinas Campolongo) incorpora na empresa a David para o posto de limpeza diaria dos vestiarios, traballo que compaxina co posto que desenvolve polas mañás en McDonalds.  

En todos os casos, nas empresa contratantes contan co respaldo dun profesional da entidade Down quen, de xeito gratuíto, presta o apoio preciso ós traballadores da mesma.

Francisco Villarreal, director comercial e de expansión de Ucalsa, desprazouse esta semana desde a central da empresa en Madrid ata Pontevedra para afianzar e visibilizar o convenio de colaboración existente entre a compañía de restauración e o programa de Emprego con Apoio de Xuntos desde o ano 2010.

Ucalsa conta de xeito habitual dende hai algúns anos con varias persoas usuarias da entidade para o desenvolvemento das súas tarefas. Nestes momentos, conta cunha traballadora contratada á que se sumará outra persoa máis a partires de decembro.

O NADAL, ÉPOCA DE INSERCIÓNS LABORAIS

E desde o pasado 30 de novembro, Distribuciones Froiz, colaborador do programa de Emprego con Apoio de Xuntos desde o ano 2004, incorporou ó seu persoal a Diego e a Carlos, que elaborarán lotes navideños durante este mes de decembro.