A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou este venres en rolda de prensa dos asuntos abordados pola Xunta de Goberno na que "unha semana máis aprobamos recursos para garantir servizos e dereitos da cidadanía da provincia" con preto de 6 millóns de euros destinados a concellos, asociacións e colectivos.
Así, a Xunta de Goberno aprobou destinar 1,7 millóns de euros do Plan Concellos para 11 municipios, particularmente na Liña 3 dedicada ao emprego que suma máis dun millón de euros en axudas para contratar 93 persoas. Tamén se deu luz verde a investimentos por un montante global de 695.000 euros para Cerdedo-Cotobade, Poio, Salvaterra e O Rosal.
Ademais aprobouse a contratación do segundo tramo da mellora da mobilidade peonil na estrada EP-3303 Tabagón-Goián, no Concello do Rosal, por 796.000 euros para actuar en 1,8 quilómetros desta vía.
Carmela Silva tamén anunciou a recepción dunha axuda de máis dun millón de euros de fondos europeos da man do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía de España (IDAE) para dotar de instalacións fotovoltaicas a edificios municipais de 9 concellos.
Son dous proxectos, un de 770.000 euros de xestión de sistemas sostibles de xestión da auga que ten como beneficiarios a Barro, A Cañiza, O Grove, Marín, Meis, Nigrán, Ponteareas e Pontecesures. O outro, de 350.000 euros para a instalación de geotermia sostible na Illa de Arousa e A Cañiza. "Seguimos impulsando o modelo de desenvolvemento urbano sostible da provincia" valorou a presidenta.
Por outra banda, o goberno provincial aprobou este venres a subvención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de 280.700 euros mentres que a Deputación achega 219.000, para desenvolver o programa Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural. O programa está especialmente orientado ás persoas maiores, en especial, mulleres. Implantarase na Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Moraña e Forcarei.
A Deputación de Pontevedra tamén aprobou este venres 410.000 euros en axudas para o fomento da igualdade e a prevención da violencia de xénero. Que se repartirán en 260.000 euros para concellos de menos de 20.000 habitantes e 150.000 para asociacións que desenvolven estes programas.
Carmela Silva tamén engadiu que nesta Xunta de Goberno "revalidamos a nosa aposta polo sector primario con 500.000 euros en axudas para cooperativas agrogandeiras e confrarías". Desta liña de subvencións no pasado ano 2022 beneficiáronse 36 entidades de 28 concellos.
Tamén se aprobaron as axudas por 470.000 euros a entidades que realizan actuacións no ámbito social ás que Carmela Silva agradeceu "o seu inestimable labor para garantir que todas as persoas sexan atendidas".
Por último, o goberno provincial aprobou novas axudas á cultura, "unha das nosas prioridades", segundo Carmela Silva, á que destinan outros 550.000 euros para actividades en asociacións (250.000 euros), festivais audiovisuais baixo márcaa Rías Baixas Film Fest (150.000 euros) e festivais musicais e de artes escénicas (150.000 euros).