Seis mil funcionarios traballan en Pontevedra, un 12% da poboación activa da cidade

Pontevedra
24 de marzo 2023

Por primeira vez, Pontevedra conta cunha panorámica completa dos postos de traballo da cidade. Figuran nun informe elaborado polo grupo G4Plus da Universidade de Vigo, que obtivo os datos dos empregos públicos vinculados ás mutuas que existen en España

Oficinas do Concello de Pontevedra en Michelena 30 Mónica Patxot

Por primeira vez, Pontevedra conta cunha panorámica completa dos postos de traballo da cidade. Figuran nun informe elaborado polo grupo G4Plus da Universidade de Vigo, que obtivo os datos dos empregos públicos vinculados ás mutuas que existen en España.

Foi tras unha petición formal ao Portal de Transparencia do Estado que, unha vez atendida polas autoridades, permitiu coñecer que ata 6.053 funcionarios traballan en Pontevedra. Deles, 4.951 residen na propia cidade e 1.462 desprázanse ata ela cada día.

Sete de cada cen traballadores da cidade (un total de 3.639 persoas), segundo mostra este informe, están inscritos na mutualidade xeral de funcionario civís do Estado. Entre eles, o profesorado ou os traballadores dos distintos organismos públicos.

A importancia que, para Pontevedra, ten a Brilat queda de relevo ao comprobar que o Instituto Social das Forzas Armadas, que suma aos traballadores do exército e da Garda Civil, agrupa a 2.095 persoas, sendo a segunda mutua en volume de afiliados.

Séguelle a mutualidade xeral xudicial, á que están adscritos os xuíces e os traballadores da administración de xustiza e que, en caso da capital da provincia, son 319.

Estes datos das mutualidades súmanse aos primeiros datos avanzados polos autores deste estudo hai unhas semanas, correspondentes ás afiliacións rexistradas na Seguridade Social que, no caso de Pontevedra, ascendían a 44.257 persoas.

O informe do grupo G4Plus conclúe, por tanto, que a cidade de Pontevedra conta cun total de 50.310 altas laborais. Delas, 35.243 son persoas que traballan e residen no propio municipio e o resto, outras 15.067, son cidadáns que acoden a diario á Boa Vila a traballar.

Isto quere dicir que o 88% dos traballadores que hai en Pontevedra están afiliados á Seguridade Social e o 12% ás tres mutualidades que existen en España. 

En base a estes resultados, o estudo conclúe que Pontevedra rexistra a mellor taxa de postos de traballo ofertados por cada 100 habitantes, un 60,7, superando á de Vigo (49,1) ou á de Poio (46,2). Máis atrás quedan Vilagarcía (31,2%), Sanxenxo (30,6) e Marín (26,6).

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que "isto demostra que somos unha boa cidade para vivir e para traballar", xa que a Boa Vila é unha "cidade dinámica, con moita actividade económica e xeradora de emprego".

Pedro Figueroa, coordinador deste estudo, subliñou que toda a información recollida neste estudo está "contrastada" con organismos oficiais do Estado e reivindicou a súa independencia porque "non cobramos nada por facelo".