Seis de cada dez centros educativos da provincia de Pontevedra solicitaron charlas das forzas de seguridade

Pontevedra
10 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A ciberseguridade e o acoso son as principais preocupacións e este curso o Plan Director aborda curso novas temáticas, como a trata de seres humanos, a prevención de delitos sexuais, a desaparición de menores sen causa aparente ou a protección do medio ambiente e a natureza

Participantes na Comisión Provincial de Seguemento do Plan Director Subdelegación do Goberno en Pontevedra

Seis de cada dez centros educativos da provincia de Pontevedra solicitaron charlas do "Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas", o programa creado en 2007 polos ministerios do Interior e de Educación para promover a cultura de seguridade entre a poboación escolar.  En termos absolutos participaron un total de 314 centros educativos.

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu este mércores unha reunión da Comisión Provincial de Seguimento deste Plan Director na que participaron o subdelegado, Abel Losada; o director da Alta Inspección de Educación en Galicia, Xosé Lois García; o inspector de Educación da Xunta de Galicia José María Alén e as persoas responsables das unidades especializadas da Policía Nacional e da Garda Civil que se encargan de coordinar as actividades na provincia.

Ao remate da xuntanza Abel Losada destacou o "avance imparable" do Plan Director na provincia, no que participaron 38.000 persoas durante o pasado ano, das que un total de 34.661 eran estudantes (un 80% máis), 2.185 profesores (un 93% máis) e 1.092 familiares (un 73% máis). 

Abel Losada vencellou este crecemento, "que se está acelerando nos últimos anos", ao "gran traballo" que fan os equipos da Policía Nacional e da Garda Civil e á "adaptación continua do catálogo de charlas ás necesidades que van xurdindo". 
Ambos Corpos desenvolveron 1.041 actividades de formación e prevención e realizaron 2.861 vixilancias intensivas no entorno dos centros educativos da provincia, sen que fora detectado nin desactivado ningún punto de venta de drogas ao longo do ano 2023. Aínda que si se detectou e desarticulou un nun centro educativo de Sanxenxo no pasado mes de febreiro deste ano, 2024.

CIBERSEGURIDADE E ACOSO

Os temas máis solicitados polos centros de ensinanza foron, en primeiro lugar, a ciberseguridade, especialmente a protección de menores nas redes sociais, seguidas das charlas sobre acoso ou ciberacoso escolar. As violencias machistas e as adiccións a drogas, ao xogo ou á tecnoloxía ocupan, respectivamente, a terceira e cuarta posición entre as máis solicitadas.

O catálogo formativo do Plan Director abordará este ano novas temáticas, como a trata de seres humanos, a prevención de delitos sexuais, a desaparición de menores sen causa aparente ou a protección do medio ambiente e a natureza. 

O subdelegado do Goberno recordou tamén que o Plan Director está aberto a centros privados, ao igual que os públicos, polo que animou ás direccións e ás asociacións de nais e pais a solicitalo.

O subdelegado recordou que a última Instrución do Ministerio do Interior recomenda abrir o Plan Director ás Policías Locais polo que levará esta solicitude ás Xuntas Locais de Seguridade que se vaian celebrando de agora en diante.