Segundo camión atrapado en Leborei en menos dunha semana

Pontevedra
25 de maio 2022

O incidente producíase na tarde deste martes 24 nesta vía da parroquia de Cerponzóns que soporta unha elevada densidade de tráfico de vehículos que intentan cambiar de estrada pasando da N-550 á PO-531. A falta de sinalización que alerte aos condutores do angosto trazado da vía provocou que en seis días volva quedar encaixado un camión de grandes dimensións, que se viu obrigado a realizar manobras durante minutos para evitar causar danos nos muros e vivendas da zona

Camión atrapado en Leborei Asociación O Chedeiro

En menos dunha semana, Leborei volve converterse en escenario de incidencias no tráfico debido á circulación de camións de gran tamaño pola vía que une a N-550 e a PO-531, conectando a estrada a Santiago coa de Vilagarcía. 

Se hai seis días, un camión quedaba atrapado nesta estrada secundaria, na tarde deste martes 24 a escena volvía repetirse cun vehículo de transporte dunha empresa da Rioxa.

Ao tentar acceder pola vía quedaba atrapado sen posibilidade de continuidade e, ao longo de varios minutos, o condutor víase obrigado a manobrar lentamente para retroceder evitando causar danos en muros e vivendas da veciñanza deste lugar da parroquia pontevedresa de Cerponzóns.

A directiva da Asociación O Chedeiro reitera a súa petición de que se adopten solucións para evitar estes problemas continuos que afectan os residentes.

Demandan das administracións que instalen sinalizacións e que se establezan medidas para acougar o tráfico permanente ou outras alternativas ante a proliferación do paso de vehículos por esta vía estreita tentando atallar para cambiar de estrada.