"Non hai Feira Franca este ano". Era unha das decisións máis esperadas do verán e finalmente este luns 16 de agosto o Concello de Pontevedra adoptouna. A concelleira de Festas, Carme da Silva, anunciouna en rolda de prensa e explicou que levaban xa desde a semana pasada con esta opción sobre a mesa e este luns adoptouse a "decisión definitiva" por unha razón que consideran "obvia", a súa esencia son as aglomeracións.
Carme da Silva lembrou que "a esencia da Feira Franca son grandes grupos de xente en mesas particulares e hostalería comendo e gozando", de modo que se converte nunha festa que "congrega arredor da mesa unha chea de xente" e coas novas restricións aprobadas pola Xunta de Galicia que entran en vigor a medianoite é "inviable" organizalo.
Con esas restricións que critica que "non son claras", e a situación de pandemia, é "inviable calquera posibilidade responsable" de que haxa Feira Franca. Tamén o ano pasado a crise sanitaria da covid-19 leva á mesma decisión.
A responsable de Festas en Pontevedra indica que a Feira Franca sería o 4 de setembro e que se descoñece como serán as restricións para esa data, pero a festa non se pode organizar dun día para outro e a decisión non se pode demorar ata o 1 de setembro, de modo que se optou pola súa suspensión.
"É unha cita que necesariamente vai vinculada a grandes grupos de xente", insistiu a edil pontevedresa, que anunciou que tampouco se procederá a decorar a cidade cos elementos que recrean unha vila medieval, pois "o que fai a decoración é chamar a enganos".
Desta forma, esa primeira fin de semana de setembro vivirase "exactamente igual que o ano pasado", isto iso, sen decoración para evitar confusións.
O Concello si decidiu que parte dos recursos económicos que adoitan destinarse á organización da Feira Franca dedicaranse este ano a outras tarefas como, por exemplo, renovar estandartes e outros elementos de decoración e tamén a " coller forzas para oupróximo ano".