Segunda xornada de protesta na Misión Biolóxica de Galicia contra a reforma da Lei da Ciencia

Pontevedra
16 de marzo 2022

Este mércores as reivindicacións lograron "cada vez máis apoio" por parte do persoal técnico e de xestión e tamén do persoal investigador. Están dispostos a dar un paso máis e levar a as súas protestas ás portas da Subdelegación do Goberno en Pontevedra 

Protesta do 16 de marzo na Misión Biolóxica de Galicia Persoal técnico da MBG

Persoal da Misión Biolóxica de Galicia, ubicada na parroquia pontevedresa de Salcedo, sumouse este mércores á segunda xornada de protesta organizada a nivel estatal en centros investigadores contra a reforma da Lei da Ciencia.

A primeira protesta realizouse o pasado mércores e este 16 de marzo repetiron nunha xornada na que as reivindicacións lograron "cada vez máis apoio" por parte do persoal técnico e de xestión e tamén do persoal investigador. 

Desde o propio centro pontevedrés sinalan que a nivel estatal prepáranse protestas dende todos os centros e que eles continuarán coas súas mobilizacións semanais e tamén a nivel virtual. 

Ademais, están dispostos a dar un paso máis e levar a as súas protestas ás portas da Subdelegación do Goberno en Pontevedra e tamén aos centros do CSIC de toda Galicia de forma conxunta. 

O obxectivo destas protestas é reclamar que a nova norma contemple a Carreira Profesional para o persoal técnico e de xestión, dunha maneira similar a que xa recoñece a propia lei para o persoal investigador.

Tal e como lembran desde a Misión Biolóxica de Galicia, este persoal é "maioritario" en moitos centros de investigación públicos e responsable das tarefas de xestión e apoio aos investigadores. "Son realmente as mans da ciencia", sinalan, e "as persoas que fan posible o funcionamento dos proxectos".

Consideran que o feito de que este persoal  non vexa recoñecida a súa Carreira Profesional no ámbito da Lei da Ciencia é "totalmente discriminatorio".