Seguimento desde terra e en piragua para que dous arroaces non varen en Lourizán

Pontevedra
15 de abril 2022

Integrantes da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia (Cemma) estiveron a seguir aos animais durante tres horas desde terra e piragua mentres subía a marea, para evitar que varasen. Acompañáronos ata que saíron, sen detectar ningún problema

Un dos dous arroaces detectados en Lourizán CEMMA

Integrantes da Coordinadora para o Estudo dos Mamífero  Mariños de Galicia (Cemma) acompañaron este xoves durante tres horas a dous  arroaces que quedaran confinados nas pozas de auga que se forman entre as linguas de area de Lourizán. 

Segundo a información facilitada por Cemma, recibiron o aviso pola presenza de arroaces na desembocadura do río Lérez "con risco de varar", de modo que se desprazaron ata o lugar e, á súa chegada, descubriron que había dous exemplares que quedaran por fóra da canle de navegación

Coa baixamar, estaban confinados nas pozas entre as linguas de area de Lourizán e non podían saír, pero desde Cemma destacan que estaban "con auga suficiente para moverse".

Durante tres horas, estiveron a seguilos desde terra e piragua mentres subía a marea, para evitar que varasen. Acompañáronos ata que saíron, sen detectar ningún problema. 

Durante o tempo que estiveron a facer garda para evitar o varamento, mesmo viviron escenas nas que os animais estiveron a xogar a levar un alga na dorsal.