Segue o descenso de casos activos na área sanitaria e só permanecen 20 pacientes hospitalizados por covid-19

Pontevedra
21 de maio 2021
Actualizado: 13:58

Segundo os datos da Consellería de Sanidade, durante a última xornada producíase un descenso de 32 persoas infectadas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que ten 363 casos activos. Dos 20 pacientes ingresados neste venres 21, sete atópanse na Unidade de Coidados Críticos de Montecelo, tras o falecemento dunha muller durante a xornada do xoves

Vacinación no Recinto Feiral de Pontevedra

20 pacientes permanecen hospitalizados na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, seis menos que na xornada do xoves. Destas persoas ingresadas con covid-19, 13 atópanse en planta de hospitalización do Hospital Montecelo, onde na súa unidade de Coidados Críticos permanecen sete pacientes en situación grave.

Nas últimas horas rexistrouse unha baixada importante de casos activos, 32 menos, e a área sitúase con 363 persoas con infección, das que 343 recupéranse da enfermidade nos seus domicilios.

Durante o xoves 20 falecía unha muller de 91 anos, que presentaba patoloxías previas, no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP). Esta vítima sitúa o número de falecementos na área sanitaria desde o inicio da pandemia en 177 persoas. Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 13.569 persoas, 41 pacientes máis que 24 horas antes.

Nestas últimas horas realizáronse 280 probas PCR nas que se detectaron 9 novos casos positivos, ao que se suma un máis detectado por outro tipo de probas.

No municipio de Pontevedra, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade ao Concello de Pontevedra, rexístrase un ascenso de seis positivos situándose en 85 casos activos.

DATOS EN GALICIA

Galicia rexistra 176 novos positivos nas últimas 24 horas. O número de casos activos é de 2.675 persoas, 26 menos que na xornada do xoves. Permanecen hospitalizados 146 pacientes, 14 menos, aos que hai que sumar 30 persoas ingresadas en UCI, dúas menos que na xornada anterior.

Curáronse 120.482, 201 máis durante o último día. E faleceron desde o inicio da pandemia 2.410 persoas. Na última semana sumáronse 1.013 casos novos de coronavirus na comunidade.

A incidencia acumulada durante os últimos 7 días é de 37,54 (+0,6) por 100.000 habitantes e a incidencia acumulada nos últimos 14 días é de 81,28 (-0,7).