"Se non queremos que haxa gaivotas que nos molesten, mellor que non haxa fontes de alimentación próximas"

Pontevedra
28 de outubro 2014

O biólogo Xavier Vázquez, coautor do libro 'Aves da cidade de Pontevedra', destaca a importancia da presenza de varias especies de aves sen que os cidadáns se decaten e rexeita a posición dos que queren ver a fauna como un inimigo

Gaivota nunha rúa da cidade
Gaivota nunha rúa da cidade / Mónica Patxot
Indican que as gaivotas e as pombas non se poden tratar como inimigas /

Ao redor de 175 especies de aves sobrevoan a cidade de Pontevedra e o seu ámbito. Toda unha riqueza para un ámbito urbano que poucas veces percibe a presenza dos paxaros ao seu arredor debido á capacidade que teñen para adaptarse, así describe Xavier Vázquez, autor con Cosme Romay, do libro Aves da cidade de Pontevedra, as particularidades das especies que os pontevedreses poden encontrarse.

Coa particularidade de que mesmo poden avistarse especies como a Gaivota rosada (ou de Ross), un exemplar cuxo espazo natural se encontra no ártico canadense, en zonas de xeo en convivencia co oso polar. A súa presenza provocou que se achegasen especialistas de toda a península para avistar este curioso caso.

Pero o habitual é encontrarse con pardais, pombas domésticas, estorniños ou con rulas turcas. Todas elas aparecen recollidas no libro que edita o Concello de Pontevedra para ofrecer unha visión didáctica sobre todos os exemplares que sucan o ceo da cidade. A fauna, segundo apunta Xavier Vázquez, reduciuse á metade nos últimos 40 anos e por ese motivo é necesario evitar que se traslade esa visión das aves coma se fosen inimigos.

Neste sentido afirmou que a presenza de gaivotas e de pombas se debe a que hai hostaleiros e camareiros "pouco profesionais que non recollen a tempo a comida que deixamos na mesa". E engadiu que "se non queremos que haxa gaivotas que nos molesten, mellor que non haxa fontes de alimentación próximas".

O xoves 30 ás 20.00 horas, a Casa das Campás acollerá a presentación de Aves da cidade de Pontevedra. Na súa primeira edición contará con mil exemplares, que serán distribuídos por centros de ensino, bibliotecas e espazos públicos coa intención de difundir o coñecemento das aves que se achegan a Pontevedra.