Ofensiva municipal contra as molestias da superpoboación de gaivotas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Un aperitivo nunha terraza. Serven o pincho e antes de que o camareiro se separe da mesa xa o comeron. Non foron os clientes, senón unha gaivota. A escena repítese a diario nas terrazas e veladores de toda a cidade e derivou en numerosas queixas veciñais ante o Concello de Pontevedra. Para intentar previr estes problemas e molestias, púxose en marcha unha campaña de carácter experimental para o control da superpoboación de gaivota patiamarela.
Para controlar a situación hai que ir á súa orixe: os niños de gaivota que proliferan nos tellados da cidade. Logo de autorización da Xunta de Galicia, deseñouse unha campaña que implica o control deses niños e a retirada dos ovos. Realizaraa unha empresa especilzada, LArus Control, seguindo as directrices marcadas pola Administración galega.
Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia autorizou esta campaña para o control poboacional da gaivota patiamarela, pero a empresa que a execute ten que cumprir a condición de respectar os ovos que se retiren dos niños detectados, o que implica que deberán conservarse, criarse e, cando nazan as crías, realizar unha solta de gaivotas.
A campaña centrarase no casco histórico, onde ten detectado unha maior poboación de gaivotas e onde se concentran as queixas cidadás polas molestias que ocasionan. Segundo as fontes consultadas, non hai constancia de ningún ataque de gaivota, pero si molestias concentradas en zonas nas que hai concentración de comida, tales como as terrazas e veladores ou os parques infantís.
A empresa empezou a principos de xullo a revisar os tellados das rúas con máis poboación como a praza de España, a rúa Michelena ou a praza da Ferrería, pero tamén se pide que sexan os propios cidadáns os que dean pistas sobre onde se sitúan os niños de gaivota. Para iso, realizouse unha tarefa de reparto de publicidade a domicilio por todas as rúas da cidade na que se entregou aos veciños un folleto explicativo da campaña.
Neste folleto, explícase que "debido ao crecemento desmesurado" da poboación de gaivota patiamarela nos últimos anos, e os problemas que esta especie está a causar aos seus veciños, o Concello pon a disposición dos cidadáns un servizo gratuíto de control poboacional.
A Concellaría de Medio Natural, que dirixe Miguel Filgueira, repartiunos fundamentalmente no casco histórico, pero tamén noutras rúas de toda a cidade co obxectivo de que calquera cidadán que detecte un niño no seu tellado avise a empresa ou o Concello para que pasen a retiralo. Se a campaña ten bos resultados este ano, en posteriores edicións estenderase a toda a zona urbana.