Queridos lectores, a pesar da borrasca, a vida segue e ademais é igualmente disfrutable que con anticiclón. Palabra de chuvasco! O único que hai que facer é alterar un pouco os plans, poñer boa cara e mellor actitude e dar grazas porque aquí, polo menos, non hai problemas de seca. Tampouco habería problemas de escaseza de recursos enerxéticos se puidésemos aproveitar os raios enlos mundos de Yupi. E Yupi parece que non está disposto a invitarnos a súa feliz galaxia.
Volvamos ao asunto do plan. Como xa sabedes, un dos meus entretementos favoritos que, curiosamente, tamén satisfai unha necesidade vital, é comer. Hoxe quero renderlle homenaxe merecido a un restaurante que coñezo dende hai décadas e que nunca me fallou: Casa Ces, en Avenida Porteliña, 15, Poio. Todo un clásico! Dende 1908, (eu empecei a ir un pouquiño máis tarde) esta casa leva dando de comer a propios e estraños. Agora está en pleno auxe: a súa especialidade é a caza e estamos en tempada. Alí funme para deleitarme cos seus pratos "cinexéticos" que compiten na carta cun marisco de excelente calidade. Todo iso aderezado co cariño, o bo facer e a simpatía de Ramón, que é quen o rexenta. Pasen e vexan... e se queren degustar, chamen inmediatamente para facer a súa reserva. 986 87 29 46.
A sala, sempre impecable.
Empanada de tronco de bonito, fantástica!
Croquetiñas de centollo, a bomba! Ou máis ben as balas.
Sempre pan de trigo e pan de millo a escoller polo comensal.
O veado con plátano e filloa rechea de pementos do piquillo.
A perdiz con castañas e cebola. Prato sanote e apetecible salvo para as perdices.
Patacas de Xinzo de Limia que combinan con todo. Un "must"!
De sobremesa, as súas míticas canas, nésperas recheas de crema bañadas en tóffee e crema catalá (non separatista, salvo que o cliente a pida así ex profeso).
Para baixar semellante comellón non serei eu quen vos aconselle ir a correr, algo que está agora tanto de moda e que pode dar a cardiólogos, fisioterapeutas e funerarias cantidades inxentes de traballo e diñeiro, a partes iguais, nun futuro próximo. Eu, o que recomendo é dar un xiro de 180º e dirixir o voso corpo coa barrigotaen carreta, se se precisa necesario, a ver unha boa peli ao cine. Si, ao cine. Recordades aquelas salas onde se vían películas? No meu caso, sígoas utilizando e encántanme, que lle vou facer. Gústame o clásico cun punto moderno.
A película escollida foi Interestellar unha recente estrea que promete poñer de moda á NASAe aos astronautas contando a historia dun grupo de exploradores do espazo que buscan un lugar alternativo á Terra ao terse feito inviable a continuidade da vida no devandito planeta. E esta moda espacial -que estou seguro estase a xerar- vai chegar ao punto de ignición coa sonda Philae e aquí, o bo, é que xa non estamos a falar de ficción, porque esa sonda existe e foi enviada pola ESA (Agencia Espacial Europea) coa misión de pousarse sobre un antigo cometa e solicitar información. Nin que dicir ten que o tema se está a desenvolver con éxito e interese a nivel mundial.
- Imaxe tomada pola ESA, na que se mostra o cometa e o módulo de aterraxe Philae na súa misión pioneira.
E a min, que me resulta un misterio insondable como dun disco pode saír música, estes acontecementos me fascinan e tolean. Entre a comida, a película e a noticia cósmica, (creo que non me deixo nada), asegúrovos que cheguei á casa farturenta de felicidade baixo a sarabia e a tormenta.
Ah! Pois parece que si, que me deixaba un detalle. O rico viño de Casa Ces, "Habla del Silencio", con aromas de grosella e estética minimalista, que pode ser, pode ser, alterase algo a miña imparcialidade sobre este día. Ejem.
Bicos, abrazos e ata a próxima!