Satisfacción entre os donos de chalés de Mar Tambo ao ordenar o Supremo que se revise o caso

Poio
23 de outubro 2024

Estrasburgo deu a razón á dona dun chalé porque o TSXG non lle permitiu participar no proceso. En base a ese fallo, chegou ao Supremo, que rescinde a sentenza inicial e devólveo a Galicia

Chalés da urbanización Mar Tambo

Unha sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo (TEDH) de xuño de 2022 acaba de forzar o Tribunal Supremo a revisar a orde de derriba ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre os chalés da polémica urbanización de Mar Tambo, en Chancelas, Poio, en preitos desde hai anos.

A propietaria dun dos chalés afectados recorreu ao Tribunal de Estrasburgo alegando vulneración do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, no seu aspecto do dereito a un proceso equitativo, pois o TSXG non a deixou participar no procedemento xudicial que finalizou cunha orde para demoler parcialmente a súa vivenda e unha multa por incumprila.

O TEDH concluíu que esta propietaria comprou a súa vivenda cando xa se iniciara o proceso sancionador e, a pesar de ser dona xa, non hai indicios de que ese procedemento do ano 2009 lle fora notificado. Desta forma, os tribunais españois privárona do dereito á tutela xudicial efectiva.

Á vista desa sentenza de Europa, esta muller presentou no Supremo unha demanda de revisión contra o fallo do TSXG, por entender que era a única canle idónea para conseguir a reparación dese dereito fundamental vulnerado.

Nunha sentenza do 7 de outubro, o Alto Tribunal español estima esta demanda, rescinde a sentenza do Alto Tribunal galego e devolve o caso a Galicia para que se revise. Por tanto, esa orde de derriba de 2009 hai que revisala e esta propietaria poderá exercer os seus dereitos ante o TSXG á hora de alegar sobre a demolición.

Esta recente resolución xerou satisfacción entre os propietarios destas vivendas. Un dos afectados, Xose Ríos, explicou a PontevedraViva que os "congratula" esta resolución despois de "dez anos de multas" e confían en que agora que existe esta decisión e o caso se vai a revisar, a Xunta suspenda a orde de derriba que está en tramitación.

Así, esperan que o Goberno galego comunique ao Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra que existe esta nova sentenza e que se paralice á espera de resolución.

Segundo explica Xosé Rios, calculan que hai xa 400.000 euros en multas coercitivas dos distintos propietarios e esta situación xeroulles "situacións complicadas". Así, un dos donos xa executou a derriba parcial, outros sufriron embargos por mor das multas e dous acabaron embargados por non pagar hipotecas e as súas casas foron poxadas e adquiridas de novo.

Foi "un camiño moi longo" no que entenden que "a Xunta non actuou ben" por tres motivos: non supervisou como debería a construción, que invadiu a servidume marítimo-terrestre "nos seus fociños"; non comunicou ás persoas que compraron de boa fe que sobre esas vivendas había un expediente urbanístico; e non notificou á dona deste chalé que a súa propiedade estaba a ser obxecto dunha causa xudicial.

Ademais, lembran que na actualidade existe nova xurisprudencia que podería dar a volta a este caso.

A Xunta de Galicia abriu expediente contra a promotora desta urbanización en 2004 pola construción de vivendas unifamiliares en terreos situados en zona de protección do dominio público marítimo terrestre sen a debida autorización. Esta propietaria comprou un deses chalés en febreiro de 2006 sen saber que estaba afectado polo expediente de disciplina urbanística entón en tramitación.

Meses despois, en xuño de 2006, o Goberno autonómico determinou que había unha infracción grave da Lei de Costas e impuxo aos promotores unha sanción de multa de 207.365 euros e a obriga de repor os terreos ao seu estado inicial anterior ás obras, coa conseguinte demolición.

O caso acabou no TSXG, que en 2009 confirmou a sanción e a derriba. A sentenza xa é firme, pero esta propietaria empezou a súa propia batalla legal porque non foi notificada nin tivo intervención. Primeiro promoveu un incidente extraordinario de nulidade de actuacións ante o TSXG, logo acudiu ao Tribunal Constitucional e acabou finalmente ante a Xustiza europea.