A bandeira do Concello de Sanxenxo xa ondea na Antártida. Chegou ao continente xeado a través de Miguel Ángel Montes Vidal, o cociñeiro portonovés que forma parte da expedición española na Unidade de Tecnoloxía Marítima do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Miguel Ángel Montes partiu en decembro ao continente antártico e permanecerá na base española por un período de tres meses, como contaba antes de partir a PontevedraViva. A bandeira do municipio que levou na súa equipaxe entregoulla á alcaldesa, Catalina González, co obxectivo de que ondee no mástil da Base Antártica Española (BAE) Juan Carlos I. Ademais, durante a súa estancia lucirá na súa vestimenta o logotipo do Concello.
A Base Antártica Española (BAE) Juan Carlos I, gestionada polo CSIC, foi aberta en xaneiro de 1988 e está considerada como unha Gran Instalación Científica polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía (MCYT). A base está ocupada únicamente durante o verán austral, desde mediados de novembro ata principios de marzo, aínda que se manteñen registros automatizados durante todo o ano.
Como todas as instalacións antárticas españolas, ten como obxectivo apoiar as actividades do noso país na Antártida, en particular a realización dos proxectos de investigación científica que coordina o Subprograma de Investigación na Antártida do Programa Nacional de Recursos Naturais.
Atópase situada na costa sureste de Bahía Sur, na Península Hurd de Illa Livingston (arquipélago das Shetland do Sur), a unhas 20 millas de navegación da base española Gabriel de Castilla, situada en Isla Decepción.