Sanxenxo repite un verán máis como o concello español con máis bandeiras azuis

Ponte Caldelas
07 de maio 2019
Actualizado: 17:15

Un total de 14 areais sanxenxinos recibirán o recoñecemento e en todas as Rías Baixas ondearán, 55. Marín terá cinco distintivos, por primeira vez un en Loira. En Bueu terán catro; en Poio, 1; en Vilagarcía, dos; e na Illa de Arousa, dous. Tamén se outorga unha á praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas

Praia de Loira, Marín Mónica Patxot

Galicia mantense un ano máis nas primeiras posicións das comunidades autónomas con maior número de bandeiras azuis de cara ao verán, unha listaxe na que Sanxenxo volve ser o concello español con máis recoñecementos, un total de 14.  En toda Galicia hai 107 bandeiras para os areais de 31 concellos, das que máis da metade, 55, recalarán en algún concello das Rías Baixas.

A  Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) acaba de dar a coñecer as bandeiras azuis outorgadas de cara ao próximo verán aos areais que cumpren os criterios esixidos en relación coa calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade; a completa dotación de servizos; a accesibilidade; a atinada xestión ambiental; e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.

No caso de Sanxenxo, recibirán a distinción as praias de Areas, Caneliñas, A Lanzada-O Espiñeiro, Canelas, Montalvo, Silgar, Bascuas, Major, Foxos, Areas Gordas A Lapas, Pragueira, Baltar, Paxariñas e Panadeira. Destaca o feito de que este ano esta última, a da Panadeira, recupera o distintivo

O goberno municipal destacou a súa "satisfacción" ante esta "boa noticia" que, segundo sinalaron, pon de manifesto o "magnífico traballo" realizado por todo o persoal do Concello para cumprir cos requisitos ambientais. 

Para recuperar a bandeira azul, Panadeira conseguiu ter unha calidade de auga cualificada como "excelente" nas mostras tomas ao longo do ano. Ademais, do mesmo xeito que o resto de praias do municipio, contará con todos os requisitos esixidos como socorristas, aseos, accesos en bo estado ou paneis informativos. 

Marín recibirá este ano cinco distintivos azuis, sendo a principal novidade a recuperación do recoñecemento para a praia de Loira. Tamén terán bandeira Aguete, Mogor, Portocelo e O Santo-Coviña.

A alcaldesa, María Ramallo, explicou que este resultado foi posible ante a mellora "constante" e o traballo "reiterado" en conseguir que a calidade da auga, a limpeza e os servizos cos que contan as praias melloren ano a ano.

No Concello de Bueu terán catro bandeiras azuis en Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán e no de Poio unha, na praia da Cabeceira.

Neste senso, Félix Juncal, alcalde de Bueu, móstrase satisfeito por lograr un ano máis revalidar estes distintivos que "confirman a boa saúde dos nosos areais". Con eles, o goberno local continúa afianzando un modelo de turismo sostible, cunha aposta decidida "polo medio ambiente relacionado co ocio e co lecer, pero sobre todo co coñecemento e a divulgación".

Para Vilagarcía de Arousa irán dúas bandeiras azuis para as praias de Preguntoiro e Campanario e para A Illa de Arousa outras dúas para Area de Secada e Bao (Camaxe). 

Ademais, a praia fluvial de A Calzada de Ponte Caldelas, recibirá o correspondente recoñecemento.

Ademais, un total 29 sendeiros galegos que enlazan praias ou portos con bandeira azul terán tamén o seu correspondente distintivo, por contribuír ao uso sostible do litoral. Por primeira vez, terá o seu o tramo Ruta Monte e Praias da Rede de sendeiros azuis de Marín. Tamén terán o recoñecemento itinerarios de Sanxenxo, Bueu, Ponte Caldelas e máis de Marín.