Sanxenxo repartirá o martes 2.000 máscaras confeccionadas por costureiras voluntarias

Sanxenxo
23 de marzo 2020

O Concello de Sanxenxo xa realizou un novo pedido de tea e gomas para outras 11.000 máscaras para continuar coa confección e repartición diante da alta demanda deste produto que se atopa completamente esgotado tras a alerta sanitaria do Covid 19

Limpeza en Portonovo Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo repartirá este martes as primeiras 2.000 máscaras confeccionadas por un numeroso grupo de costureras voluntarias entre os departamentos municipais e, posteriormente, distribuiranse tamén de forma gratuíta entre os veciños que as necesiten.

Cada unha delas foi desinfectada cun lavado a temperatura de 60º.

O goberno local está agradablemente sorprendido coa acollida da iniciativa e agradece o interese por colaborar das costureiras de distintos concellos mesmo do territorio nacional.

Durante os últimos días, puxéronse en contacto co alcalde, Telmo Martín, outros rexedores interesados en participar neste proxecto solidario polo que se acordou facilitar a tea, co patrón xa cortado, para que poidan confeccionar as súas propias máscaras a través de costureiras voluntarias e sexan eles mesmos quen as distribúa polos seus concellos en función das necesidades.

O Concello de Sanxenxo xa realizou un novo pedido de tea e gomas para outras 11.000 máscaras para continuar coa confección e repartición diante da alta demanda deste produto que se atopa completamente esgotado tras a alerta sanitaria do Covid 19. A iniciativa que partiu do taller escola Rincón del Arte atopou desde un primeiro momento o respaldo do Concello de Sanxenxo que se encargou de contactar co provedor do tecido e de realizar os pedidos para a confección das máscaras.

PLAN DE LIMPEZA

O centro urbano de Portonovo é este luns o lugar marcado no cronograma do plan de limpeza e desinfección posto en marcha polo Concello de Sanxenxo como medida de protección fronte ao Covid 19. Un total de once persoas traballa na hixienización da vila mariñeira.

O goberno local reforzou o operativo previsto pola concesionaria de limpeza formado por seis traballadores con dous operarios municipais.

Ademais, dous veciños, Carlos Pérez e Manuel Troncoso, sumáronse ás tarefas de forma voluntaria con dous tractores con depósitos con almacenaxe de 1.000 e 500 litros de produto desinfectante (auga cun 5% de hipoclorito e aromatizante) o que axiliza de forma considerable a tarefa. En canto ao resto do material, os operarios traballan con sulfatadoras, unha furgoneta cun depósito e carretillas de limpeza con capacidade para 200 litros.

Mañá continuará o plan de limpeza en partes do centro urbano de Sanxenxo, que quedaron pendentes a semana pasada, co que se completará a higienización de todo a contorna despois de que esta mesma fin de semana realizásense labores de limpeza en toda a contorna portuaria, aparcamento de Nauta e Praza dos Barcos. O mércores as tarefas concentraranse no núcleo de Vilalonga, especialmente o casco e lugares onde poden confluír máis persoas como é o caso de farmacias, supermercados ou tendas de alimentación. Un sistema de limpeza que se repetirá o xoves en Noalla e na zona da Revolta. Mentres que o venres, o operativo centrarase en Dorrón, Bordóns, Padriñán, Nantes e Adina que podería prolongarse se fose necesario.

Os operativos de limpeza dan comezo ás 7:30 horas e prolónganse ata que conclúen os traballos en cada zona marcada por día.