Tralo desfile infantil desta fin de semana, a outra gran cita do carnaval de Sanxenxo será o vindeiro domingo. O municipio despedirá estas festas co desfile e concurso de disfraces que irá desde Sanxenxo ata Portonovo e no que entregará un total de 18 premios, destinando para iso máis de 8.000 euros.
A parada sairá ás 16.30 horas da avenida Luís Rocafort de Sanxenxo e continuará polo Paseo de Silgar, Punta Vicaño, a estrada xeral e a rúa Rafael Picó ata chegar ao recinto portuario onde se concentrarán os participantes. "Esperamos que todo aquel que o desexe nos axude a confeccionar este intenso espectáculo colorista e divertido, tanto sexa como participante ou como espectador", comentou a concelleira de Cultura, Paz Lago.
Ao concurso poderán concorrer todos os maiores de 16 anos nas categorías individual, parella, grupo de ata oito compoñentes, de nove a 20 integrantes, de máis de 20, así como á categoría fantasía que deberá estar composta por un conxunto de máis de 20 membros.
Os premios serán outorgados por un xurado que está formado por profesionais do mundo das artes plásticas e escénicas que valorará tanto a orixinalidade da vestimenta como o atrezo e a posta en escena durante o desfile.
A inscripción poderá formalizarse ata as 14.30 horas do venres chamando ao número de teléfono 986 727 936, aínda que aquelas persoas que non o fagan previamente terán a oportunidade de anotarse antes do comezo do desfile na mesa da organización, que estará situada na Avenida Luís Rocafort, desde as 15.00 ás 16.00 horas.
PECHE AO TRÁFICO
Pola súa banda, desde a Policía Local informan que a partir das 15.00 horas do domingo e ata que se inicie o desfile quedará cortada ao tráfico a Avenida Luís Rocafort. Durante o transcurso da parada irase pechando así mesmo o tramo do Paseo de Silgar que discorre ata Punta Vicaño, a estrada xeral á altura de Baltar e a Rúa Rafael Picó, rúas polas que se volverá a circular unha vez pasen as carrozas.
Á súa vez, desde as 14.00 horas ata que termine a parada non estará permitido estacionar na Avenida Luís Rocafort, no Paseo de Silgar desde a súa confluencia con esta avenida ata a rotonda de Baltar; na Avenida de Galicia e en Rafael Picó.