Sanxenxo renova dous pilotes do pantalán da navieira para permitir a atracada de catamaráns o próximo verán

Sanxenxo
15 de abril 2020

O levantamento da suspensión da actividade non esencial permitiu a Sanxenxo retomar o transcurso das obras

Instalación dos pilotes no pantalán Concello de Sanxenxo

O levantamento da suspensión da actividade non esencial permitiu a Sanxenxo retomar o transcurso das obras municipais como a rehabilitación do Pazo de Quintáns, a fase final do Priorado de Arra e a pista de skate park de Portonovo. A pesar da paralización durante quince días, o obxectivo do goberno local é avanzar para reducir ao máximo os prazos de execución e manter o calendario inicial previsto.

A nivel autonómico, esta semana retomáronse os traballos da senda da PO-308 ao seu paso por Major. Nestes momentos, queda pendente o tramo máis próximo a Portonovo así como a reforma das interseccións previstas no proxecto. Ademais, está a traballarse na instalación da nova iluminación, co obxectivo de que as obras poidan estar terminadas para o verán. Outra das obras importantes que a Xunta de Galicia está a acometer en Sanxenxo é o colexio do Revel que tamén retomou as obras esta semana e continúa co levantamento dos muros de contención tras concluír a cimentación. Os operarios regresaron tamén aos traballos de mellora de seguridade viaria no tramo que vai desde A Granxa ata o miradoiro de Palacios.

A volta á actividade permitiu tamén iniciar traballos pendentes como a renovación de dous pilotes no pantalán da navieira do porto deportivo. Nauta iniciou esta semana a substitución de dúas ancoraxes que partiron os temporais o pasado inverno o que fixo necesaria a súa substitución xa que non era viable a reparación. As obras están moi condicionadas pola meteoroloxía, pero está previsto que se conclúan a próxima semana. O pantalán no que operan do navieiras, Mar de Ons e Cruceiros Rías Baixas, manteñen durante o verán un tráfico habitual de entre catro e cinco catamaráns. A adxudicataria da obra é Normarine 2007 e o custo dos traballos ascende a 25.845 euros.