O Concello de Sanxenxo reforzará o seu persoal con 17 persoas desempregadas grazas ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Tras un primeiro proceso de selección, sete traballadores xa foron contratados para realizar labores administrativos en diversos departamentos municipais.
Estas persoas desempeñarán tarefas de atención cidadá, xestión de arquivos e documentos, cambios de titularidade de parcelas, emisión de certificados de empadroamento, localización de parcelas rústicas e urbanas, e apoio informativo a diversas áreas e departamentos.
A maiores, desde o Concello sinalan que teñen previsto que a finais de marzo ábrase un novo proceso de selección para contratar a catro peóns de limpeza e mantemento, e seis peóns de obras públicas.
Estes traballadores, con contratos de seis e oito meses e medio respectivamente, encargaranse de obras menores en edificios, pintado e recuperación de superficies, labores de mantemento, limpeza de camiños e espazos públicos, e conservación de parques e xardíns.
O custo total destas contratacións ascende a 280.577 euros, dos cales a Deputación de Pontevedra achega 244.802 euros e o Concello de Sanxenxo os 35.774 euros restantes.
Esta axuda permitirá reforzar os servizos de interese xeral e social que se prestan a veciños e visitantes.
O programa provincial de activación de emprego busca "favorecer as condicións dos traballadores á hora de situarse para a procura de traballo", segundo declararon desde o goberno municipal.