Sanxenxo reduce a taxa de paro grazas ao crecemento do turismo en tempada baixa e o desenvolvemento do parque empresarial

Sanxenxo
05 de marzo 2023

Sanxenxo pechou febreiro con 721 parados, 10 menos que en xaneiro. Son 319 menos que o mesmo mes do ano pasado cando había 1.040 desempregados. E iso que a cifra de 2022 xa supuxo unha redución de 201 parados con respecto a febreiro de 2019 (1.241) ano de referencia polas súas mellores cifras

Madama de Silgar Mónica Patxot

Sanxenxo pechou febreiro con 721 parados, 10 menos que en xaneiro. Son 319 menos que o mesmo mes do ano pasado cando había 1.040 desempregados. E iso que a cifra de 2022 xa supuxo unha redución de 201 parados con respecto a febreiro de 2019 (1.241) ano de referencia polas súas mellores cifras.

Por primeira vez, en 2022, Sanxenxo reduciu a súa taxa de paro media anual por baixo do 10%, en concreto o 9,78%. Dato que xa foi mellorado nos dous primeiros meses de 2023, en xaneiro cunha taxa de paro do 9,37% e en febreiro do 9,24%. 

Desde o Goberno local de Sanxenxo sinalan que estas porcentaxes "demostran que se está creando emprego a un ritmo que nin sequera contemplaban as previsións máis optimistas, especialmente, se temos en conta que nos dous primeiros meses do ano o paro alcanza as súas cifras máis altas e hai menos actividade turística".

A taxa de paro de Sanxenxo en xaneiro (9,37%) e en febreiro (9,24%) é a máis baixa de todos os concellos galegos de máis de 10.000 habitantes. Se o resto do ano compórtase como vén sendo habitual, é dicir, o paro seguirá baixando polo menos ata setembro, Sanxenxo podería pechar o ano cunha taxa de paro inferior ao 9%.

O Concello interpreta que entre os factores que están a influír na creación de emprego atópase o crecemento da actividade turística en tempada baixa, como avala o incremento de lixo, o consumo de auga e a ocupación do aparcadoiro. 

Tamén apuntan ao desenvolvemento do parque empresarial e ao crecemento dos inmobles dedicados á actividade hostaleira, comercial e industrial. En 2017 Sanxenxo sumaba 1.288 inmobles dedicados a estas tres actividades, actualmente ten 1.867, o que supón 579 establecementos máis e un incremento do 45%.