Sanxenxo teno claro. Débese proceder á realización dun novo deslinde entre este municipio e o concello veciño do Grove para determinar a titularidade da Lanzada. Así llo trasladou a alcaldesa, Catalina González, aos integrantes da Comisión de Asuntos Xerais, apelando á obriga como representantes municipais de defender os intereses dos veciños e aquilo que "histórica e lexitimamente ostenta o Concello de Sanxenxo".
Durante a sesión, a rexedora defendeu novamente a postura do Goberno local con respecto á reclamación que pretende iniciar unha vez reciba o respaldo da Corporación no Pleno ordinario do luns, para instar á realización deste novo deslinde, axustándose aos límites históricos apuntados no informe técnico realizado.
"Dado que actualmente está en discusión a quen pertence o monte da Lanzada consideramos que é o momento oportuno para solicitar unha revisión dos lindes", comentou González Bea. E é que a documentación coa que conta tanto a Administración sanxenxina coma a Comunidade de Montes de Noalla acredita que o istmo debe incluírse dentro do termo municipal deste concello.
Así, aínda que a titularidade da praia non supuxo un motivo de preocupación do Executivo local, ao tratarse dun enclave natural de dominio de Costas que gozan os veciños de Sanxenxo e O Grove, así como os visitantes da bisbarra, "o feito de que o Xurado Provincial de Montes revise agora o procedemento de clasificación danos pé a reclamar o que historicamente pertenceu a este Concello".
A alcaldesa negou pretender enfrontamento algún pero si manifestou a súa discrepancia coas declaracións realizadas polo seu homólogo meco nas que apuntou a Sanxenxo como iniciador dun conflito, "cando foi a Comunidade de Montes do Grove a que reclamou uns terreos que non lle corresponden". Neste sentido, Catalina González recordou que os comuneros de Noalla "sempre mantiveron o uso e explotación de ditos montes".
De feito, recordan que no ano 1989 o Xurado de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra acordou clasificar ao denominado monte 'da Lanzada' como veciñal en man común, asignando a súa propiedade aos veciños da parroquia de Noalla. Esta decisión foi motivo de litixio por parte do Concello do Grove, que dende entón defende que ese espazo pertence aos comuneiros do seu municipio.
Despois de tramitar durante estes anos diversos recursos administrativos e xudiciais por parte do concello meco, o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra concluíu que o Xurado de Clasificación de Montes Veciñais debe revisar o procedemento de clasificación do monte da Lanzada, que continúa sendo propiedade dos comuneiros de Noalla.