Sanxenxo quere unificar e mellorar as condicións estéticas das terrazas da fachada marítima

Sanxenxo
17 de marzo 2021

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a concelleira de Planificación Territorial, María Deza, mantiveron un encontro este luns en Santiago coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, no que abordaron entre outras cuestións a necesidade de unificar e mellorar as condicións estéticas das terrazas situadas na fachada marítima do municipio

Reunión con Portos de Galicia
Reunión con Portos de Galicia Concello de Sanxenxo

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a concelleira de Planificación Territorial, María Deza, mantiveron un encontro este luns en Santiago coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, no que abordaron entre outras cuestións a necesidade de unificar e mellorar as condicións estéticas das terrazas situadas na fachada marítima do municipio. 

Trátase de harmonizar e integrar esteticamente a actividade social e económica na contorna portuaria de Sanxenxo e Portonovo.

Ambas as administracións acordarán os requisitos que se pedirán ás terrazas de hostalería adaptándoos ás esixencias xa vixentes na ordenanza municipal e aos criterios de Portos de Galicia para evitar o feísmo na contorna portuaria e potenciar as actividades que se realicen en chan portuario.

Martín trasladou a Lenguas o contido dun encontro mantido o pasado sábado cos hostaleiros de Rafael Picó onde se tratou a posibilidade de eliminar o seto que cobre a fachada das terrazas ao longo de toda a avenida. O obxectivo é desenvolver un proxecto conxunto que axude á mellora de imaxe de toda a fachada de primeira liña marítima de Portonovo e, á vez, gañar un maior espazo que permita a convivencia entre a actividade hostelelera e o tránsito peonil. Unha decisión que valorará Portos de Galicia ao tratarse de terrazas en chan de dominio portuario.

Durante o encontro en Santiago tamén se abordou a ampliación da concesión de Nauta solicitada a Portos de Galicia para poder desenvolver con total garantía a segunda e terceira fase do proxecto de reordenación da zona portuaria de Sanxenxo.

A presidenta de Portos de Galicia indicou que o ente público non puido avanzar na súa tramitación polo momento porque está á espera dun informe de estratexias mariñas de Costas do Estado.

Un documento solicitado xa en outubro de 2020, pero do que, polo momento, non obtivo resposta.