Visitar Sanxenxo esta fin de semana é tamén gozar da posibilidade de gozar do mellor da gastronomía e da artesanía galegas, ao coincidir a feira de artesanía de Portonovo "OFeitoaman Sanxenxo" e a Feira Gastronómica de Produtos Galegos en Montalvo.
"OFeitoaman Sanxenxo" ofrece a posibilidade de mercar as creacións de 40 obradoiros de artesáns galegos e de fóra da comunidade. Aberta deste o 15 de xullo, este sábado recibiu a visita do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, que salientou que a feira é unha oportunidade para impulsar a comercialización da marca Artesanía de Galicia desde un dos principais destinos turísticos na comunidade.
Esta cita está organizada pola Asociación Galega de Artesáns co apoio da Xunta e do Concello de Sanxenxo, onde recalou por primeira vez para converterse nun dos grandes atractivos turísticos deste municipio na tempada estival. Unha boa ocasión, segundo Francisco Conde, "para que o público poida valorar o esforzo que fai o sector por adaptarse ás novas tendencias".
Das 36 empresas que participan nesta feira en Portonovo, 21 son galegas e, delas, 19 son obradoiros rexistrados na marca Artesanía de Galicia. Ademais, están representados un total de 17 oficios. Nese sentido, o obxectivo é que resulte un éxito de vendas para os profesionais que participan, e un incentivo para que en próximas edicións se vaian sumando máis obradoiros coa marca Artesanía de Galicia, que teñen nesta feira unha moi boa plataforma de comercialización.
O conselleiro apuntou que baixo este distintivo están rexistrados actualmente 789 obradoiros, un 83% máis que hai dez anos. E, ao respecto, amosouse convencido de que a futura Lei de Artesanía de Galicia que está a tramitar a Xunta permita dar resposta aos novos retos que afronta o sector, vinculados á profesionalización, o relevo xeracional e a innovación.