Aprobado en Sanxenxo o primeiro protocolo para o aloxamento excepcional de vítimas de violencia machista

Sanxenxo
10 de decembro 2024
Actualizado: 17:30

O salón de plenos acolleu este martes a 26 Mesa Local de Violencia de Xénero na que se fixo balance da situación no municipio

Mesa Local de Violencia de Xénero Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo aprobou este martes o primeiro protocolo de actuación para a derivación a aloxamentos locais de vítimas de violencia de xénero en casos excepcionais e de urxencia.

Un gasto que se sufraga a través do Concello para garantir en casos puntuais a necesaria protección da vítima.

O texto elaborado desde a Concellaría de Servizos Sociais, dirixida por Paz Lago, foi aprobado por unanimidade durante a 26 Mesa Local de Violencia de Xénero celebrada este mediodía no salón de plenos que estivo presidida polo alcalde, Telmo Martín.

Na mesma participaron unha ampla representación das administracións, forzas de seguridade e organismos implicados na loita contra a violencia de xénero como a xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación de Goberno en Pontevedra, María José Rodríguez; a xuíza decana de Cambados e titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Cambados, Luz María Fernández de Landa; os concelleiros de Servizos Sociais, Paz Lago, e de Seguridade Cidadá, Xoán Pérez; a enfermeira do PAC de Baltar Catuxa Lagaron, así como representantes da Policía Local, Garda Civil, Equipo de Muller e Menor, Viogén e do CIM de Sanxenxo.

O alcalde destacou a participación dos representantes da mesa como "clave para seguir avanzando na loita contra a violencia de xénero para reducir as cifras e os casos".

En canto ao protocolo aprobado, asegurou que "é moi importante que estea apoiado tanto por Policía Local como Garda Civil para que a protección sexa integral e permita un seguimento da vítima por parte do CIM".

Pola súa banda, a xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación de Goberno en Pontevedra, María José Rodríguez, puxo en valor a celebración da mesa para previr e visibilizar a loita de violencia contra a muller. "Este protocolo que se aprobou hoxe é un exemplo a seguir por outros municipios e un paso moi importante", dixo.

En canto aos datos provinciais, na provincia de Pontevedra hai nestes momentos ao redor de 1.800 casos activos, dos que un 2% corresponden a Sanxenxo.

Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago deu a coñecer as cifras de atencións no CIM no que vai de ano. En concreto, hai 49 novas altas de mulleres, 47 veciñas de Sanxenxo, "o que supón un incremento de 28 novos casos desde a última Mesa celebrada en abril". Unha cifra á que hai que sumar os casos activos de anos anteriores e que ascende a 165 mulleres.

En canto ás atencións, houbo 140 consultas xurídicas, 185 consultas psicolóxicas e 145 atencións específicas de violencia de xénero. O CIM tamén atende na actualidade a 11 menores, 6 con atención psicolóxica.

En canto aos obxectivos, no Concello está a traballarse nos centros educativos para previr futuras condutas machistas con programas específicos, programas innovadores como o boxeo ou talleres de sensibilización a través de asociacións de mulleres. Está previsto pór en marcha nas próximas semanas un programa específico de autocuidado emocional para persoas coidadoras que fomente a corresponsabilidade dos coidados no fogar.