Sanxenxo acaba de presentar ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra catro proxectos de humanización cos que se busca crear contornas máis seguras e amables para o peón.
O goberno actuará na Praza da Travesía Areal (Portonovo), a contorna do pavillón de Baltar e o Centro de Día, o Camiño do Castro en Dorrón e na contorna da Capela de Arra. Unhas actuacións cuxo custo será sufragado a través do plan da Deputación de Pontevedra, con 1.029.359 euros, mentres que o Concello achegará 152.858 euros.
A actuación na Praza de Travesía Areal en Portonovo ten un custo de 48.400 euros e busca enlazar esta zona de xeito peonil cos espazos públicos arredores como o mercado, as rúas e os xardíns lindeiros. Trátase de xerar un espazo de relación social tanto na rúa como prazas e espazos verdes que a circundan. Así, eliminarase a escaleira de acceso desde a rúa polo seu lado sur e dotarase de rampla que permita salvar esa diferenza de cota mellorando a accesibilidade a este espazo.
O acceso desde o mercado realizarase en dous tramos a diferente cota salvados por unha xardineira intermedia, instalaranse bancos de pedra, dotarase de elementos de iluminación máis eficientes e proxéctase a renovación da rede de saneamento existente.
Co proxecto de humanización da contorna do pavillón e do Centro de Día en Baltar o Concello pretende potenciar a zona de equipamento deportivo e integrar todas as zonas verdes baixo una mesma estética. Na actuación que rolda os 250.000 euros exponse a intervención da parte dianteira do pavillón como un proxecto paisaxístico que conecte coa zona verde do Centro de Día, xerando zonas de estancia sensiblemente planas na base do noiro e no encontro entre os dous espazos coa soleira do pavillón. A actuación inclúe a instalación de bancos de formigón prefabricado con zonas de asento en madeira maciza e unha zona de pavimento duro pola que se poida camiñar.
Na parte exterior traseira do pavillón está previsto executar unha senda de paseo realizada en xabre cemento, ideal para a práctica deportiva e unha zona central na que se colocará unha estación de adestramento. Tamén se expón unha nova sementa de céspede natural, respectando o arboledo existente. No xardín interior do Centro de Día instalarase un toldo sobre unha zona de soleira de formigón, que se estenderá sobre o pavimento de lastra existente, nivelando as zonas de céspede para evitar descontinuidades. Na zona verde de maior tamaño garantirase unha zona de sombra que permita a colocación de mesas e a xeración de zonas de estancia temporais. Na zona de menor tamaño exponse unha pequena pista de chave. Ademais, preténdese substituír a pista exterior de fútbol, situada na parte baixa do pavillón e do Centro de Día por un circuíto de pump track.
Co proxecto de humanización da Capela de Arra búscase uniformizar o firme coa demolición total do actual, e coa formación do novo que consistirá nunha base de saburra, unha base de formigón e un firme de lastras de formigón cor salmón acabado envellecido poñer en valor a Igrexa de San Amaro e reconducir as escorrentías superficiais que actualmente discorren pola calzada. Ademais, mellorarase a seguridade viaria mediante un cambio na iluminación pública actual por luminarias máis eficientes e incorporando sinalización horizontal e vertical. O proxecto inclúe o soterramento do cableado aéreo da zona, a mellora da seguridade peonil e viaria incorporando sinalización horizontal e vertical. A actuación terá un custo de 192.193 euros.
A humanización Camiño do Castro (Dorrón) valorada en 488.874 euros é outro dos proxectos incluídos no plan. Con esta actuación mellorarase a urbanización do Camiño do Castro desde a súa conexión coa estrada PO-308 abarcando o solo urbano e o de núcleo rural. Neste proxecto desenvólvese a mellora do vial aumentado o seu ancho e mellorando o seu firme. Está prevista, ademais, da renovación das drenaxes superficiais, a ampliación das redes de saneamento e abastecemento, o soterramento das instalacións aéreas, mellorando a iluminación pública e a seguridade viaria.