Sanxenxo "pon cor" ao municipio cunha extensa programación de Entroido

Sanxenxo
02 de febreiro 2018

Poñer unha "nota de cor" á programación cultural de Sanxenxo. Con este espírito chega o Entroido de Sanxenxo, que foi presentado este venres pola concelleira Paz Lago e que se desenvolverá no municipio entre os días 3 e 18 de febreiro

Desfile de entroido de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

Poñer unha "nota de cor" á programación cultural de Sanxenxo. Con este espírito chega o Entroido de Sanxenxo, que foi presentado este venres pola concelleira Paz Lago e que se desenvolverá no municipio entre os días 3 e 18 de febreiro.

Obradoiros, concursos, bailes, parodias e desfiles centrarán esta programación de entroido, que arranca o sábado 3 convertendo Sanxenxo nun municipio rockeiro. Seguindo a tradición, a Asociación O Cubreiro organiza un precarnaval que trasladará a Sanxenxo ao mundo do rock. 

Ademais dos locais ambientados ao máis estilo AC/DC, Bruce Springsteen ou Freddie Mercury, haberá un concerto ás 21.00 horas na Praza de Pascual Veiga, a cargo do grupo Flip Corale e os Macabros. 

Esta programación verase enriquecida coas propostas das diferentes entidades culturais do municipio.

En Arra, a Asociación Cultural San Cayetano organiza unha festa para o martes día 13, a partir das 15.00 horas, con xogos, inchables, concurso, sorteos e música en directo. 

O mércores 14, será o desfile e concurso infantil de disfraces, con 1.300 euros en premios. O desfile partirá ás 17.00 horas desde Luís Rocafort e concluirá na Praza dos Barcos.

O tradicional Enterro da Sardiña será tamén o mércores 14 ás 20.00 horas, da man de diferentes asociacións de Portonovo. O enterro percorrerá, como é habitual, as principais rúas de Portonovo para terminar no recinto portuario. 

O venres 16, a agrupación Veciñal de Vilalonga será a encargada de organizar o Enterro da Cabra, que terá lugar a partir das 21.30 horas, na Praza Pública, tras pasear por diferentes lugares da parroquia. 

Ese mesmo venres, a partir das 22.00 horas, haberá no porto de Portonovo o Espectáculo de Parodias, con diferentes imitacións humorísticas. Esta iniciativa partiu do interese de veciños e veciñas por buscar un momento de participación, diversión e desinhibición, o que levou consigo moitos momentos de risa garantida. 

O sábado 17 será a Festa do Jato, organizada por diferentes locais de Portonovo con actividades e música durante todo o día. Esta agrupación quere resaltar e presumir da definición que levan implícita por ser de Portonovo: "JATOS". Para iso, convidan a veciños e visitantes a disfrazarse de "jato" e gozar das distintas actividades que teñen organizadas.

O gran desfile de Entroido e concurso de disfraces irá, como é habitual, desde a vila de Sanxenxo ata a de Portonovo. Será o domingo 18 e partirá de Luís Rocafort ás 16.30 horas, para percorrer o Paseo de Silgar, Punta Vicaño, a PO-309 e Rafael Picó, ata chegar ao recinto portuario, onde se concentrarán os participantes. 

Ao concurso poderán concorrer todos os maiores de 16 anos nas categorías individual, parella e grupo de ata 8 compoñentes, de 9 a 20 integrantes e de máis de 20. Así como tamén a categoría fantasía, que deberá estar composta por un conxunto de máis de 20 membros. Haberá tres premios para cada categoría, destinándose a este fin un total de 8.225 euros

A Asociación de Veciños de Adina celebrará unha festa de disfraces con premios para os mellores e con degustación de sobremesas típicas de Entroido. Será o día 24 de febreiro, a partir das 19.30 horas, na Casa de Cultura de Adina. 

A Asociación Soalleira de Dorrón celebrará tamén unha festa infantil de disfraces con premios para os mellores. Será o día 3 de marzo, a partir das 17.00 horas, na Casa de Cultura de Dorrón. 

Durante todo o entroido o Concello organiza ademais os entroidiños, unha iniciativa de carácter gratuíto, dirixida aos nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, aos que se lles ofrece unha alternativa lúdica durante as súas vacacións escolares. 

O prazo de inscrición nestas actividades abrirase o próximo día 5 e os interesados en participar poderán apuntarse no Pazo Emilia Pardo Bazán ou chamando ao teléfono 986 727936. 

Arquivado en