Sanxenxo manterase toda a Semana Santa no nivel alto de restricións

Sanxenxo
30 de marzo 2021

Con 53 casos activos por covid-19 e unha incidencia acumulada a 14 días que está situada en 275 casos por cada 100.000 habitantes, a situación epidemiolóxica de Sanxenxo segue sendo complicada. Ao non mellorar, Sanidade manterá as restricións actuais no municipio

Persoas paseando por Sanxenxo

Con 53 casos activos por covid-19 e unha incidencia acumulada a 14 días que está situada en 275 casos por cada 100.000 habitantes, a situación epidemiolóxica de Sanxenxo segue sendo complicada. Ao non mellorar, Sanidade manterá as restricións actuais no municipio.

Así o acordou o comité clínico que asesora á Xunta de Galicia nesta pandemia. Sanxenxo seguirá no nivel alto de restricións durante toda a Semana Santa.

Iso significa que, entre outras cuestións, bares e restaurantes só poderán atender aos clientes nas súas terrazas, cun máximo de aforo limitado ao 50% da súa capacidade.

Baiona e Pazos de Borbén son os outros dous municipios da provincia que, segundo os seus datos epidemiolóxicos, tamén se sitúan no nivel alto de restricións.

No denominado "nivel medio" figura Meis e tamén outros tres municipios pontevedreses, Cangas, Moaña e Gondomar, ou a cidade da Coruña.

Neles, os establecementos de hostalería poderán ocupar un 30% do seu interior e un 50% das súas terrazas, segundo os parámetros establecidos por Sanidade.

O resto da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés están no nivel baixo de restricións.