Sanxenxo mantén o seu preito polo deslinde co Grove

O Salnés
20 de setembro 2016

O goberno local de Sanxenxo levará ao pleno ordinario do próximo luns a proposta de interposición dun recurso contencioso-administrativo fronte á resolución da Dirección Xeral de Administración Local, de data 9 de xuño, pola que se acordou non tramitar o procedemento de deslinde entre os termos municipais do Grove e Sanxenxo

Praia da Lanzada Mónica Patxot

O goberno local de Sanxenxo levará ao pleno ordinario do próximo luns a proposta de interposición dun recurso contencioso-administrativo fronte á resolución da Dirección Xeral de Administración Local, de data 9 de xuño, pola que se acordou non tramitar o procedemento de deslinde entre os termos municipais do Grove e Sanxenxo.

O goberno local tramitou xa o pasado mes de xullo un recurso de alzada e un requirimento de anulación da mencionada resolución. O Concello non recibiu polo momento resposta algunha. Por iso, e ante a posibilidade de que a demora na resposta da Xunta esgote o prazo do que dispón a administración local para recorrer á vía contencioso-administrativa, o Goberno local exporá á Corporación a adopción desta decisión.

O goberno local argumentou no seu recurso de xullo, que non tivo resposta, a nulidade da resolución do director xeral de Administración Local por vulnerar o procedemento para seguir para a resolución do expediente de deslinde no termo municipal que regula o procedemento de deslinde de termos municipais pertencentes a distintas comunidades autónomas, e omitirse a tramitación establecida no artigo 44 da Lei 5/1997 da Administración Local de Galicia, non solicitando emisión de informe ao Instituto Xeográfico Nacional, nin á Comisión Galega de Delimitación Territorial, nin á Deputación Provincial nin ditame do Consello Consultivo.

O recurso baseouse tamén na incompetencia da Dirección Xeral de Administración Local para a decidir a finalización do expediente de deslinde, ao considerar que o órgano competente para tomar este acordo o Consello da Xunta.

O terceiro argumento do recurso de alzada co feito de que a decisión se toma partindo da Resolución do Ministerio de Gobernación de data 31 de xullo de 1959, na que se aprobaba o deslinde entre o termo municipal de Sanxenxo e o do Grove, partindo duns documentos de referencia non consentidos polo Concello de Sanxenxo. Neste novo proceso achegouse documentación histórica na que se reflicten tales límites, que non foi tida en conta.