Sanxenxo licitará as obras para converter a pista polideportiva de Nantes nun pavillón

Sanxenxo
20 de xullo 2021

O peche exterior da pista de Nantes é o principal obxectivo da segunda fase de actuación nesta infraestrutura, que permitirá crear un recinto deportivo con todos os servizos

Fin das obras da pista polideportiva de Nantes (arquivo) Concello de Sanxenxo

O peche exterior da pista polideportiva de Nantes é o principal obxectivo da segunda fase de actuación nesta infraestrutura deportiva tan demandada polos veciños e, especialmente, polos alumnos do colexio de Nantes.

Na primeira fase, construíuse a pista e dotóuselle de teito. Nesta segunda fase, vaise levantar o peche exterior dos 1.263 metros cadrados de superficie que ten a pista a base de paneis de formigón de 16 centímetros de grosor e restreis de aluminio. A carpintería exterior componse de 12 xanelas coas súas mallorquinas, unha porta e un portal, todo iso de aluminio anodizado azul.

Esta actuación permitirá converter a pista polideportiva nun pavillón, cos servizos propios deste tipo de instalación. En concreto, contará con dous aseos e vestiarios, cada un deles con tres duchas, tres lavabos e tres urinarios. Ademais, inclúe un almacén para gardar o material deportivo.

A mellora contempla unha instalación eléctrica que entre outros elementos contará con 16 puntos de luz led para iluminar a pista deportiva.

O proxecto tamén inclúe un sistema para a circulación do aire formado por catro ventiladores, a dotación dunha rede de abastecemento de auga e saneamento e a urbanización exterior cunha beirarrúa de 170 metros cadrados.

O proxecto está valorado en 275.000 euros que se suman ao investimento de 200.000 euros da primeira fase.

Naquela ocasión financiouse con fondos do Plan de Concellos da Deputación, mentres que neste caso asumiraos o Concello de Sanxenxo con fondos propios, en concreto a modificación orzamentaria que o goberno local vai levar ao próximo pleno do luns 26 de xullo.