Sanxenxo incorpora vinte operarios de xardíns, praias e servizos ao seu persoal municipal

Sanxenxo
18 de maio 2020

A contratación deste persoal realízase a través da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e permitirá a posta a punto das praias, a limpeza de accesos e viais no rural e pequenas reparacións en distintos puntos do municipio

Operarios instalan pivotes no camiño das Salinas (Sanxenxo) Concello de Sanxenxo

O  Concello de Sanxenxo conta desde este luns cun reforzo do seu cadro de persoal coa incorporación de vinte operarios de xardíns, praias e servizos. A contratación deste persoal realízase a través da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e permitirá a posta a punto das praias, a limpeza de accesos e viais no rural e pequenas reparacións en distintos puntos do municipio.

O custo total desta contratación ascenderá a 264.246 euros, dos que 257.773 euros serán subvencionados polo organismo provincial e 6.472 euros serán achegados pola administración local.

Ao departamento de xardíns incorporáronse seis operarios que se encargarán do coidado ornamental de parques e zonas verdes de Sanxenxo. O traballo daba comendo durante esta xornada no Parque da Panadeira.

O persoal de praias, un total de 10 operarios, ocuparase, ata a apertura dos servizos da tempada estival, ademais da limpeza puntual de areais, da roza de camiños na zona rural. O traballo organizarase a través de equipos de dúas persoas e por áreas do municipio.

Unha vez chegada a tempada de verán, o Concello reforzará con medios municipais o departamento de praias coa contratación de vinte operarios máis durante os meses de xullo e agosto para a limpeza e mantemento dos areais.

Os restantes catro operarios que se sumaron ao persoal municipal adscribiranse á área de servizos para realizar pequenas obras e reparacións nas distintas zonas do municipio, a organización do almacén municipal e a conservación das beirarrúas. O traballo destes novos operarios comezaba coa instalación de pivotes no camiño das  Salinas para marcar o acceso limitado a peóns e os servizos a leiras. Durante os próximos días tamén está prevista a revisión das pasarelas de madeira de Baltar e dos Barcos.

Desde o Concello de Sanxenxo anúnciase para a próxima semana a incorporación de forma temporal de seis auxiliares administrativos para os traballos no arquivo municipal, catastro e recadación de impostos da contribución urbana, entre outras actividades.