Sanxenxo inaugurará o día 25 a escola infantil de O Revel

Sanxenxo
11 de xaneiro 2013

Educación publicará a próxima semana a lista provisional de admitidos entre 37 solicitantes, dos que só un abonaría o 100% da praza

Escola Infantil de O Revel, Vilalonga (Sanxenxo) Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo celebrará o día 25 unha xornada de portas abertas na Escola Infantil Municipal de O Revel á que poderán sumarse todos aqueles veciños e colectivos interesados en coñecer as instalacións.

O Goberno local pretende inaugurar deste xeito a nova guardería pública de Vilalonga, que comezará a funcionar uns días despois, unha vez culminen os prazos legais do proceso de admisión de alumnos.

A Concellaría de Educación e Cultura publicará a próxima semana a lista provisional de escolares que poderán ingresar neste centro, para o que a Administración sanxenxina recibiu 37 solicitudes. A relación poderá consultarse tanto na páxina web municipal como nos taboleiros de anuncios da Casa Consistorial e do Pazo Emilia Pardo Bazán.

Tal e como recolle a normativa, desde este momento establecerase un período de dez días para presentar reclamacións, que deberán resolverse -de ser o caso- e posteriormente dar a coñecer o listado definitivo de admitidos.

Logo de realizar unha análise inicial dos datos aportados polas familias peticionarias, desde o departamento local de Educación adiantaron que tan só unha das solicitantes abonaría a totalidade do custo da praza.