As Concellerías de Educación e a de Servizos Sociais e Maiores, a través do Centro de Información ás Mujeres (CIM), apostan por un programa de acción municipal que inclúe formación en igualdade e con intervencións directas contra a violencia de xénero, incluíndo a todos os sectores da poboación.
Este traballo conxunto pola igualdade e contra a violencia de xénero será exposto baixo o lema: "Sanxenxo. Concello libre de violencias machistas".
Baixo esta estreada imaxe, o Concello de Sanxenxo presenta este mércores a primeira actividade enmarcada na loita municipal contra as distintas manifestacións de violencia de xénero.
A acción, subvencionada pola Deputación de Pontevedra, vai destinada a estudantes de 2º ESO e 6º primaria, e consiste nunha formación en Relacións Afectivo Sexuais Saudables para a prevención das violencias machistas.
Trátase dun programa onde cada grupo recibirá 4 sesións formativas, con contidos relacionados co respecto mutuo, o valor das diversidades, así como a importancia do autoconcepto positivo e o amor propio como punto de partida.
Estas sesións terán lugar nos colexios e institutos municipais ata o mes de decembro.
Ademais, está prevista unha sesión formativa coas familias, para tratar e expoñer a importancia da información afectivo sexual para garantir a transmisión de información adecuada e adaptada á idade dos menores.
Para esta acción, cóntase co apoio imprescindible de todos os centros educativos, que sempre colaboran neste tipo de iniciativas de forma enriquecedora e facilitando o traballo.
Este será, o quinto ano consecutivo, que o Concello de Sanxenxo aposta pola información afectivo sexual como unha forma de prevención das violencias machistas nos centros educativos. Igualmente, esta será unha acción que marcará o comezo da programación para a conmemoración do 25N: Día Internacional contra a violencia de xénero.