Sanxenxo expón datos de actividade turística e do paro para facer un balance "moi positivo" deste verán

Sanxenxo
10 de setembro 2023

O municipio turístico pechou agosto con 466 parados, o que supón 98 menos que o mesmo mes de 2022. A taxa de paro baixou ata o 5,80% e os afiliados á seguridade social ascenden a 8.603 en xullo

Día do Turista en Sanxenxo Concello de Sanxenxo

O goberno local de Sanxenxo considera que o balance do verán 2023 é "moi positivo" ao presentar as cifras de paro e afiliados á seguridade social; ademais do informe Big Data da Mancomunidade do Salnés que mide o número de visitantes e turistas; datos de ocupación hostaleira do Consorcio de Empresarios Turísticos (CETS); as pernoitas do Institituto Nacional de Estatística (INE) e a recadación do aparcamento do porto deportivo.

Segundo os datos do desemprego, agosto concluíu con 466 parados en Sanxenxo, 98 menos que no mesmo mes de 2022. A taxa de paro baixa hasa o 5,80% e os afiliados á seguridade social soben a 8.603 en xullo, á espera do dato de agosto. O goberno de Telmo Martín indica que son os mellores datos históricos.

O informe Big Data da Mancomunidade do Salnés ofrece, por primeira vez, o número de turistas que pernoitan en aloxamentos non hostaleiros da vila como vivendas turísticas e segundas residencias. Neste informe consta que Sanxenxo aumento un 5,5% o número de turistas que pasan a noite respecto a 2022 e un 5,7% o número de visitantes que visitan durante o día a vila.

O INE indica que o municipio suma 266.876 pernoitas hostaleiras entre xuño e xullo, á espera tamén dos datos de agosto que serán oficiais na última semana de setembro. A cifra supón o 34% das pernoitas hostaleiras rexistradas na provincia de Pontevedra e o 15% de Galicia.

O CETS, pola súa banda, indica que a ocupación media recolle unha redución de dous puntos en xullo respecto a 2022 e unha ocupación media do 91,13% en agosto, similar á do mesmo mes en 2022, que se atopaba en 91,54%, superando o dato de 2019, antes da pandemia, que foi do 90,04%.

En canto ao aparcamento do porto deportivo, os números mostran que se superaron as cifras récord de 2022, cun aumento do 11% en xuño; un 1,7% en xullo e un 2% no mes de agosto.