Sanxenxo estreará este 25-N un Punto Violeta contra as agresións sexuais e a violencia machista

Sanxenxo
28 de outubro 2023

O propio 25 de novembro celebrarán un acto pensado para espertar emocións a través de imaxes de mulleres locais cun fío condutor musical composto pola Banda de Música de Sanxenxo. Marta Martínez Novoa, experta en intervencións en relacións tóxicas, lerá o manifesto municipal

Presentación da programación do 25N en Sanxenxo Concello de Sanxenxo

A conmemoración do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, terá este ano en Sanxenxo, como principal novidade, a creación dun Punto Violeta de sensibilización, información e intervención en casos de agresións sexuais e de violencia machista.

Este Punto Violeta estará presente en eventos con potencial risco de presenza de condutas agresivas e estará complementado coa caseta 'Agresion off', cedido pola Secretaría Xeral de Igualdade, destinado a adolescentes de Bacharelato.

As concelleiras de Educación e Servizos Sociais de Sanxenxo, Nati Parada e Paz Lago, presentaron este venres a programación de actividades con motivo do 25-N para este ano, primeiro no que ambos os departamentos traballan baixo o programa 'Sanxenxo. Concello libre de violencias machistas'. 

Parada explicou que neste mandato non teñen concellería de Igualdade porque "pensamos que era demasiado importante e transversal como para ser levado por un só departamento xa que toca todas as áreas dun Concello".

Dado que a educación "é a base da igualdade e é a única forma de conseguir erradicar a violencia de xénero como máximo expoñente desta desigualde", este ano teñen en marcha talleres nos colexios e este 25N engadirán charlas coas familias e nas bibliotecas con espectáculos como “A igualdade non ten truco”

A programación prevista no CIM para o mes de novembro repetirá un clásico da programación, a iluminación de violeta dos edificios municipais, e establecerá colaboración cos clubs deportivos para darlle visibilidade á loita contra a violencia machista. 

O programa inclúe tamén formación específica para colectivos vulnerables, talleres de empoderamento feminino e autodefensa persoal e formación en competencias dixitais básicas.

O propio 25 de novembro celebrarán un acto pensado para espertar emocións a través de imaxes de mulleres locais cun fío condutor musical composto pola Banda de Música de Sanxenxo. Marta Martínez Novoa, experta en intervencións en relacións tóxicas, lerá o manifesto municipal.