Sanxenxo estrea este verán un campo de voluntariado centrado no coidado ambiental

Sanxenxo
24 de maio 2022

Esta actividade, que contará cun total de quince prazas, estará centrada no coidado ambiental, localización de residuos e recollida dos mesmos en embarcacións tipo kaiak e SUP

Presentación do novo campo de voluntariado de Sanxenxo

Centinelas do mar. Esa é a denominación que recibiu o campo de voluntariado que a Xunta de Galicia porá en marcha por vez primeira en Sanxenxo o próximo mes de agosto, entre os días 6 e 17.

Esta actividade, que contará cun total de quince prazas, estará centrada no coidado ambiental, localización de residuos e recollida dos mesmos en embarcacións tipo kaiak e SUP. 

A limpeza de residuos realizarase sempre que o tempo permítao en kaiak e táboas de pádel surf, previa visualización con drons naquelas zonas de difícil acceso, segundo explicaron os seus organizadores.

A actividade incluirá tamén sesións de reciclaxe cos obxectos recolleitos nas zonas costeiras e charlas sobre a protección do  medioambiente.

O campo de voluntariado, como o resto dos máis de corenta que se impulsarán este verán, está destinado a persoas de entre 18 e 30 anos, segundo avanzou este martes a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel.

Pichel tamén destacou que a oferta da campaña de verán para este ano é a máis alta da historia, ao contar con máis de 10.800 prazas, tres mil máis que o ano pasado e mil máis que antes da pandemia. 

O prazo de solicitude aínda está aberto e é accesible na páxina web de Xuventude.

A directora xeral tamén se achegou esta mañá ao IES de Sanxenxo onde se realizou un obradoiro do programa Quérote+ para concienciar ao alumnado sobre a imaxe corporal.