Sanxenxo conta con 436 establecementos de hostalería (303 bares, 112 restaurantes e 22 cafeterías) sen contar hoteis e furanchos, así o recolle o Rexistro de empresas e actividades turísticas de Galicia.
Unha cifra que corresponde a unha poboación de 80.000 habitantes se aplicamos a media española que é un local por cada 175 habitantes, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE).
O Concello de Sanxenxo fixo públicas estas cifras coincidindo co Día Mundial da Hostalería, para así destacar o peso do sector na actividade económica do municipio.
Nestes momentos, hai 130 establecementos que abren a maior parte do ano para dar servizo a veciños, persoas que veñen diariamente a traballar e visitantes de fins de semana e períodos máis longos.
Os 306 locais restantes abren no verán, cando Sanxenxo alcanza a poboación estacional máxima.
A iniciativa privada intensificouse no último lustro, especialmente nas rúas Augusto García Besada, Os Barcos e o Paseo de Silgar, pero tamén Portonovo que recuperou a súa tradición de tapeo que se interrompeu nos anos 90.