O Concello de Sanxenxo decidiu cancelar o proceso de revisión do padrón de vaos iniciado polo ORAL tras detectar "incongruencias e contradicións" na aplicación da ordenanza fiscal vixente aprobada hai máis de 25 anos.
O goberno toma esta decisión por mor do malestar veciñal e tras comprobar discordancias entre a realidade actual do municipio e a ordenanza en vigor, "o que provocaría unha aplicación imprecisa e prexudicial para moitos veciños".
Tal e como se informou o Concello de Sanxenxo hai unha semana, o goberno traballa na elaboración do novo regulamento e da nova ordenanza fiscal de vaos nos que se reflectirá de forma clara os dereitos e deberes dos veciños que fagan un aproveitamento especial da vía municipal.
Unha vez aprobadas as novas ordenanzas, o Concello insta os veciños a regularizar a súa situación coa pertinente solicitude de vao para evitar a súa entrada en procesos de revisión que impliquen pagos retroactivos.