Sanxenxo busca financiamento para facer realidade o proxecto de reforma do mercado de abastos

Sanxenxo
02 de febreiro 2021

O Concello comunica á empresa que presentou o documento gañador do concurso de ideas que contratará o proxecto, que está valorado en 4,5 millóns de euros

Proxecto gañador do concurso de ideas para o futuro mercado de abastos de Sanxenxo
Proxecto gañador do concurso de ideas para o futuro mercado de abastos de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo está decidido a executar o proxecto gañador do concurso de ideas do novo mercado de abastos sanxenxino. O executivo que encabeza Telmo Martín xa iniciou contactos con outras administracións para buscar financiamento e así llo fixo saber este martes á empresa gañadora que encabeza o arquitecto catalán, Toni Bosch.

Nunha reunión telemática na que tamén participou a concelleira de Urbanismo, Flavia Besada, o rexedor incidiu en que "un proxecto desta envergadura e que cumpre cos parámetros de humanización e sostenibilidade como este é un claro candidato a axudas por parte dás distintas administracións". A intención do goberno local é conseguir o apoio do maior número de administracións para reducir a achega municipal dun proxecto valorado en 4,5 millóns de euros. 

Durante o encontro, Martín trasladou ao equipo redactor do proxecto algunhas pautas e usos futuros do edificio que terán en conta no documento definitivo que se prevé que se poida ter nas próximas semanas. O departamento de urbanismo remitirá nos próximos días o estudo topográfico e geotécnico da zona.

O goberno está convencido de que o novo edificio, así como a humanización e transformación da contorna será un revulsivo e posta en valor para a actividade comercial e hostaleira da zona. O proxecto propón solucións que abarcan máis que o propio edificio como a praza entre as rúas Madrid e Constitución, o acougado do tráfico e a preferencia peonil ou a construción un aparcamento subterráneo. 

En canto ao edificio, o proxecto de “Os luns ao sol” ofrece un deseño translúcido e sostible, cun modelo enerxético bioclimático e funcional que contará con amplos espazos diáfanos adaptables a distintos usos. Ao espazo principal, o mercado, sumaranse outros como a biblioteca, aulas de estudo, servizos municipais e a terraza que actuará como unha área gastronómica.