Sanxenxo avanza a concesión de axudas a empresas e parados coa esperanza de volver á normalidade no verán

Sanxenxo
20 de marzo 2020

O gabinete de crise reuniuse este venres no Concello para deseñar plans de choque para o sector económico do municipio, o reforzo dos servizos de limpeza para reducir a taxa de paro na época estival e na promoción da vila como destino turístico para o último semestre do 2020

Reunión do gabinete de crise do Concello de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

O gabinete de crise do Concello de Sanxenxo reuniuse na mañá deste venres para avanzar na implantación de medidas que minimicen o impacto económico da alerta sanitaria na economía local. O goberno local traballa en tres frontes: axudas a empresas e sectores sociais, reforzo dos servizos de limpeza e promoción de Sanxenxo como destino turístico.

Unha das primeiras accións foi a conxelación de dous millóns de euros do orzamento deste ano da partida de investimentos para destinalo a axudas a autónomos, empresas e parados. Eximir do pago de taxas, como a das terrazas, a aqueles negocios que visen interrompida a súa actividade é outro dos obxectivo do executivo que dirixe o popular Telmo Martín. 

Para voltear o problema do desemprego, posto que a corentena está a afectar ao comezo da campaña hostaleira na vila turísitca, Martín explicou que o Concello creará máis emprego este verán que en campañas anteriores a través do reforzo persoais de limpeza espazos públicos.

En canto á promoción de Sanxenxo como destino turístico, o alcalde confía en que esta situación estea superada en xuño e con esta perspectiva o seu executivo traballa en dous posibles escenarios. O máis negativo que os españois teñan unha maior reticencia a viaxar durante este verán por cuestións económicas, o cal se traduza en peores cifras que en veráns anteriores. 

Ou a situación oposta, un rebote no consumo provocado porque o confinamento nos domicilios permitise aforrar gastos das familias e que ademais prefiran evitar desprazamentos a outros países onde o coronavirus aínda está a iniciar a súa entrada e o seu sistema sanitario non ofrece a garantía do español. 

Así mesmo, o goberno local ten previsto unha campaña de publicidade e promoción turística no outono. Unha iniciativa que, desde o Concello, entenden que ten aínda máis sentido para recuperar nos meses de setembro, outubro, novembro e decembro o que se vai a perder en abril e maio.

DESINFECCIÓN DE ESPAZOS PÚBLICOS

Pero este gabinete de crise non só planifica a longo prazo. Unha medida máis inmediata que xa está en marcha é a desinfección dos espazos públicos máis transitados polos veciños. Este venres os traballadores centráronse na contorna dos centros de saúde de Baltar e Vilalonga e continuarán nas próximas horas por Portonovo. Para facilitar a limpeza será necesario retirar os vehículos da rúa polo que estará habilitado o porto como aparcamento temporal.

Os traballos de limpeza continuarán en distintos puntos do municipio a partir da próxima semana, uns labores que se incrementaron en todo o territorio sanxenxino desde que se declarou o Estado de Alarma.