A avenida de Rafael Picó acolle desde este martes un contedor xigante. Trátase dunha enorme estrutura de catro metros de alto coa que se busca chamar a atención do viandante e animarlle a participar na campaña de reciclaxe que xa está en marcha desde febreiro en Sanxenxo.
A Consellería de Medio Ambiente, en colaboración coa organización Ecoembes, lanzou a campaña "Recicla e supérate. Únete ao reto", na que participa Sanxenxo xunto a outros 13 concellos galegos.
Este proxecto propóñese o reto de incrementar polo menos nun 10 % o volume de envases recollidos nun trimestre. Se se consegue mellorar a cifra de reciclaxe de envases lixeiros do contedor amarelo nesa porcentaxe entre o 1 de febreiro e o 30 de abril respecto ao mesmo período do ano anterior, Sanxenxo conseguirá un premio dotado con 2.000 euros que terá que destinar a unha causa social.
Os contedores xigantes servirán para facer presente o reto e lembrar aos veciños que se debe botar e que non ao contedor amarelo.
O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, acudía ao momento de colocación do contedor amarelo XL xunto a varios membros de Ecoembes.