Sanxenxo afirma que é "absolutamente falso" que a romaría da Lanzada e a Festa da Ostra estean en perigo

Sanxenxo
23 de febreiro 2024

O Concello de Sanxenxo sae ao paso das afirmacións recollidas nunha convocatoria da Comunidade de Montes de Noalla nas que aseguran que perigan as festas

Ermida da Nosa Señora da Lanzada Mónica Patxot

O Concello de Sanxenxo sae ao paso das afirmacións recollidas nunha convocatoria da Comunidade de Montes de Noalla nas que aseguran que perigan tanto a Festa da Ostra como romaría da Lanzada.

O goberno local asegura que isto é "absolutamente falso", e que traballa para que os terreos nos que se celebran se convertan nunha oportunidade e unha fonte de progreso de Noalla.

Defende o Concello que a comunidade de montes utiliza á administración local para desviar a atención dos reveses xudiciais pola titularidade do monte da Lanzada, tras dúas décadas de litixios pasando polos xulgados de primeira instancia, a Audiencia Provinicial e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con sentenzas contrarias ás reclamacións dos comuneiros.

Máis aló dese detalle, asegura o goberno municipal, o máis importante é que se trata de espazos de alta protección pola súa riqueza patrimonial e natural, xa que o istmo da Lanzada contén bens de alto valor patrimonial e do mesmo xeito que os terreos do Concello forma parte da Rede Natura 2000.

De feito, asegura o Concello que as proteccións europeas como a Rede Natura 2000 e internacional como o convenio Ramsar e patrimoniais que reúnen estes terreos nunca poden ser un problema senón o contrario, unha oportunidade para os veciños de Noalla.