Santos Héctor recoméndalle ao PP que pregunten a Louzán por que as Pousadas non están abertas

O Salnés
08 de outubro 2015

O voceiro socialista cree que o Partido Popular pode preguntar no pleno da Deputación pero tamén traer as respostas para aclararlle aos cidadáns a situación do proxecto estrela do anterior presidente

Pousada de Ribadumia Deputación de Pontevedra

O voceiro socialista na Deputación de Pontevedra, Santos Héctor, recomendoulle este xoves aos deputados do Partido Popular que se queren saber algo sobre a situación do proxecto das Pousadas "é mellor que lle pregunten ao anterior presidente Rafael Louzán".

Santos Héctor recordou que a apertura das catro Pousadas do Salnés foi anunciada polo anterior presidente da Deputación para a Semana Santa de 2015 e posteriormente para ese mesmo verán, sen que se producira en ningunha das dúas datas. O voceiro socialista recordou que este goberno provincial tomou posesión o pasado 24 de xullo e dende ese momento "tivo que adoptar unha serie de decisións de urxencia polo abandono que sufría o proxecto por parte de Rafael Louzán e o seu equipo".

Deste xeito o voceiro socialista recórdalles aos deputado do Partido Popular que a propia empresa adxudicataria das catro Pousadas puxo de manifesto que "os inmobles non podían ser recepcionados polas súas múltiples deficiencias", entre as que destacan as licenzas para a súa actividade das que carecían.

A pesares de que os edificios levaban rematados dende 2012, recorda Santos Héctor, non foi ata maio de 2015 cando comezaron a tramitarse as licenzas de primeira ocupación e as de actividade turística. Carecían de seguro, de vixiancia e a de Meaño non contaba con suministro eléctrico.

Fronte a esta situación de abandono total o novo goberno provincial, sinala o voceiro socialista, en so dous meses contratou o seguro para as instalacións (uns 11.000 euros); pagáronse as facturas eléctricas (máis de seis mil euros); dotouse a Meaño dun transformador eléctrico; contratouse a vixiancia dos catro edificios (uns 30.000 euros) e axilizouse as concesións das licenzas de ocupación e turísticas.

Ao mesmo tempo, Santos Héctor subliñou, que creouse un grupo de traballo coa empresa concesionaria para ir subsanando as deficiencias. "En pouco máis de dous meses fíxose máis que nos catro anos anteriores para intentar dar unha solución a un problema creado, aparcado, mal xestionado e ruinoso, ideado por Rafael Louzán", conclúe Santos Héctor.

Por último o deputado provincial recorda que o proxecto Pousadas tiña un orzamento consignado de nove millóns de euros, dos cales 6,6 millóns procedían de fondos europeos, e que no pasado mes de xullo xa se tiñan investidos máis de 20 millóns de euros os cales xa están case que superados cos novos gastos surxidos nestes dous meses.

Arquivado en