O convento de Santa Clara volveu a abrir as súas portas á cidadanía pontevedresa. Despois do éxito das visitas guiadas ao recinto para toda a poboación, o Concello organizou unha nova xornada de portas abertas exclusiva para os residentes das parroquias do rural, que mostraran o seu interese en coñecer o antigo cenobio pero moitos non foran capaces de conseguir cita a través de Internet.
Ao longo da tarde deste venres e en grupos reducidos, decenas de pontevedreses e pontevedresas de todas as idades coñeceron todas as estancias dun espazo que xa é patrimonio da Boa Vila tras a súa compra fai máis dun ano por parte do Concello e a súa cesión á Deputación para incorporalo ao Museo de Pontevedra. O circuíto repetirase os dous días desta fin de semana.
Os visitantes foron recibidos na entrada do convento por un equipo de expertos que exerceron de guias explicando aos asistentes todos os segredos que oculta esta xoia arquitectónica. Armados cunha cámara de fotos ou un teléfono móbil, os visitantes fotografaron todos os recunchos deste máxico lugar. O xardín, coa súa horta e as súas árbores froiteiras, foi un dos puntos que máis chamou a atención dos visitantes.
O percorrido comezou pola vella igrexa, na que proxectaron un vídeo sobre a historia de Santa Clara. Logo percorreron as distintas estancias do cenobio, salvo as da planta superior, incluído o claustro e boa parte dos xardíns.
Os xestos de sorpresa e comentarios sobre a beleza do escenario eran habituais entre os excursionistas que non dubidaron en inmortalizar a visita cunha foto para o recordo.
Nesta primeira xornada visitaron o convento un total de 47 persoas en tandas de trinta minutos de duración.