Santa Clara entra en campaña: o BNG propón un investimento de 10 millóns de euros na rehabilitación

Pontevedra
17 de xaneiro 2024

Bará fixo esta proposta despois dun encontro co goberno municipal de Pontevedra, que forma parte da súa xira de precampaña por todas as comarcas. O BNG ve que "non hai un compromiso claro e decidido por parte da Xunta" e avanzan que un goberno do BNG na Xunta de Galicia "vai poñerse de lado do Concello" neste proxecto estrela

Luís Bará reúnese con integrantes do BNG de Pontevedra BNG

O convento de Santa Clara entra na campaña electoral. Este mércores fíxoo da man do cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, que puxo sobre a mesa o compromiso de investir alomenos dez millóns de euros na rehabilitación do inmoble como parte do Museo de Pontevedra.

Bará fixo esta proposta despois dun encontro co goberno municipal de Pontevedra, que forma parte da súa xira de precampaña por todas as comarcas da provincia de cara ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro.

O encontro serviu para analizar as principais prioridades do municipio con respecto á Xunta e establecer compromisos dun futuro goberno do BNG con Pontevedra, "de maneira que se deixen de poñer atrancos aos grandes proxectos que ten a cidade e sexa un goberno a favor de Pontevedra que non poña paus nas ‘Ruedas’ como fai agora" 

En relación con Santa Clara, o BNG ve que "non hai un compromiso claro e decidido por parte da Xunta" e avanzan que un goberno do BNG na Xunta de Galicia "vai poñerse de lado do Concello" neste proxecto estrela, apostar por el e "poñer as pilas á Deputación para que se saque adiante", porque non só é un proxecto de Pontevedra, senón que "é un proxecto de toda Galiza, dun grande Museo Nacional de Galiza, que é o papel que ten que cumprir o Museo de Pontevedra". 

O cabeza de lista pola provincia comprometeu o apoio económico, ademais de técnico e de contidos que debe ter o proxecto por parte do futuro goberno liderado por Ana Pontón. "Unha achega económica mediante orzamentos da Xunta para financiar, cando menos, con dez millóns de euros este grande proxecto da cidade e de Galiza", subliñou.

Arquivado en