Sanidade xustifica manter o peche da área sanitaria de Pontevedra pola situación da UCI

Pontevedra
03 de marzo 2021

Prudencia. Esa foi a palabra máis repetida polas autoridades sanitarias tras a reunión do comité clínico que, entre outras decisións, decidiu manter pechada a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A evolución é positiva pero, insisten, "non podemos confiarnos"

Zona de reanimación habilitada como UCI en Montecelo Pool / Ramón Leiro

Prudencia. Esa foi a palabra máis repetida polas autoridades sanitarias tras a reunión do comité clínico que, entre outras decisións, decidiu manter pechada a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A evolución é positiva pero, insisten, "non podemos confiarnos".

Na área, segundo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, déronse "pasos importantes" cara a unha maior apertura nos próximos días, pero insistiu na necesidade de "ser prudentes" e traballar nunha desescalada "progresiva".

Neste sentido, recoñeceu que, aínda que a incidencia acumulada a 14 días cumpría os parámetros para relaxar as restricións, como tamén o facía a incidencia a 7 días, a situación na UCI de Montecelo aconsella atrasar "un pouco máis" esa apertura.

A ocupación de camas de críticos segue preto do 20%, o que sumado á preocupación pola aparición das novas variantes, obriga a esperar segundo García Comesaña. "A situación hospitalaria vaise aliviando pero non do xeito que nos gustaría a todos", recoñeceu.

"Nos próximos días agardamos tomar unha decisión con máis tranquilidade", avanzou o conselleiro, sobre a situación das restricións da área, onde só Soutomaior se sitúa no nivel extremo, por unha incidencia de 525 a 14 días e de 269 a 7 días.

Alí hai, ademais, un 10,3% de PCR positivas, o dobre do que recomenda a OMS.

No caso da cidade de Pontevedra, segundo a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, diminuíu a incidencia a 14 días ata os 153, mentres que a 7 días baixou, pero menos que no resto das grandes cidades, ao quedar en 51. 

Para seguir avanzando na desescalada, os responsables de Sanidade tamén recoñeceron que as imaxes que deixou a pasada fin de semana son "especialmente preocupantes" porque lembran que a situación sanitaria "non está relaxada".

"Non podemos facer nada que poña en risco esta situación", insistiu o titular de Sanidade, que recoñece que o "ansia" da xente por saír de casa "canto antes" provocou que se produciron comportamentos "non desexados" que confían que se "reconduzan".