Sanidade xa fai en Pontevedra as probas no coche para detectar o coronavirus

Pontevedra
20 de marzo 2020

Desde as catro da tarde, a área sanitaria de Pontevedra comezou a realizar probas rápidas para detectar o coronavirus en pacientes con síntomas sen que estes teñan que saír do coche. Este sistema, denominado CovidAuto, estreouse con éxito no hospital Meixoeiro de Vigo

Probas rápidas para detectar o coronavirus sen saír do coche Diego Torrado

Desde as catro da tarde, a área sanitaria de Pontevedra comezou a realizar probas rápidas para detectar o coronavirus en pacientes con síntomas sen que estes teñan que saír do coche.

Este sistema, denominado CovidAuto, estreouse con éxito no hospital Meixoeiro de Vigo e estendeuse ao resto de áreas sanitarias galegas.

A directora asistencial da área pontevedresa, Sonia Fernández-Arruty, explicou que este método de detección do coronavirus busca "axilizar" a extracción das mostras daqueles pacientes sospeitosos de que poidan parecer a infección por coronavirus.

Esta extracción realizarase "sempre con cita previa", segundo Fernández-Arruty, que concederá o servizo de Medicina Preventiva do complexo hospitalario de Pontevedra, comunicando aos pacientes a data e a hora na que terán que acudir a facer esta proba de detección.

No caso da cidade de Pontevedra, habilitouse o aparcamento do Recinto Feiral para a realización destas probas, onde os pacientes terán que acudir "a poder ser sós", lembrou a directora asistencial.

Alí haberá un equipo extractor "que estará a lles esperar xa coa solicitude feita" e, unha vez retirada a mostra, esta enviarase ao servizo de Microbioloxía.

O Sergas entende que esta forma de extracción "permítenos ser áxiles á hora de extraer a mostra e tamén para ter o resultado".

O mesmo día da proba, ou ao día seguinte como máximo, o Sergas chamará ao paciente para informarlle se deu positivo polo COVID-19.

Na súa estrea, estaban citados unha vintena de pacientes. As probas continuarán durante os próximos días.